Deputación de Lugo
Economía
Turismo

O Presidente da Deputación participa na Feira do Viño de Amandi, que reuniu a 23 adegas

Amandi
Feira de Sober
Sober
José Tomé Roca asistiu este domingo á cita na Praza do Concello de Sober, que recuperou todo o seu esplendor tras un ano de celebración virtual e outro con aforo reducido

“A actividade vitivinícola é un bo exemplo da potencialidade do noso sector primario, de como traballar na mellora do produto, na súa comercialización ou na construción da súa imaxe”, sinalou o mandatario provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este domingo na 42ª edición da Feira do Viño de Amandi, celebrada na Praza do Concello de Sober coa participación de 23 adegas. O programa de actividades desta cita incluía esta xornada actuacións musicais, un pregón a cargo do actor Chechu Salgado, cata e entrega de premios aos mellores caldos. Entre as categorías galardoadas, o xurado recoñeceu os tintos da colleita 2021, o mellor branco do ano pasado e o mellor viño envellecido en barrica.

“Penso que a actividade vitivinícola é un bo exemplo da potencialidade do noso sector primario. Un exemplo de cómo traballar na mellora do produto, na súa comercialización ou na construción da súa imaxe”, sinalou o Presidente, que engadiu que os viticultores galegos “están levando a cabo un gran traballo, que está consolidando a presenza dos nosos viños nos mercados e, tamén, nas cartas de viños dos restauradores de maior prestixio”. Tamén quixo poñer en valor o mandatario provincial o traballo dos adegueiros e dos organizadores, aos que deu os parabéns por recuperar o esplendor da cita tras un ano de celebración virtual e outro con aforo reducido por mor da pandemia.

A aposta pola viticultura e polo conxunto do sector primario “é un obxectivo prioritario para a Deputación de Lugo”, segundo explicou o mandatario provincial, porque “representa unha parte moi importante do PIB da nosa provincia, pero é tamén moi importante polo seu impacto social”. Engadiu o Presidente que “ter un sector vinícola sólido é unha riqueza en si mesmo, pero tamén favorece o turismo, a hostalería e o comercio, porque arredor do viño créase emprego e créase riqueza no rural, o que axuda a frear os desequilibrios territoriais e a fixar poboación de cara ó futuro”. 

Neste sentido, José Tomé valorou que o viño “é un produto de fondas raíces históricas que xerou unha esfera de interese propia e un tipo de turismo específico, ligado á enoloxía. Un turismo de calidade que busca coñecer as adegas, facer catas no territorio onde se produce o viño e consumir a gastronomía local que o acompaña”. 

Tras a recepción de autoridades na Casa do Concello, tivo lugar o pregón e a entrega de premios, actos nos que participou o Presidente, que percorreu a feira, felicitou os adegueiros polo seu traballo e brindou co resto de autoridades, entre as que estiveron o Alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.