Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación mellorará con 182.000€ a estrada provincial que comunica Chantada, Taboada e Antas

Taboada
Chantada
Antas de Ulla
Imaxe deputación de lugo
A institución actuará en preto de 20 quilómetros da estrada LU-P-1809, entre os puntos quilométricos 3,6 e 23,8. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, saneamento da explanada, reparación de fochancas e repavimentación

Este proxecto beneficiará de maneira directa a moitos veciños e veciñas da comarca da Ulloa que transitan a diario por esta vía

A Deputación de Lugo mellorará a estrada provincial LU-P-1809 que comunica Chantada, Taboada e Antas de Ulla cun investimento de preto de 182.000€. O proxecto inclúe a renovación de practicamente o conxunto da vía, actuando en máis de 20 quilómetros dos preto de 25 quilómetros que ten.   

As obras consistirán na reapertura de cunetas, saneamento da explanada e do firme nas zonas onde existen un blandón, tamén na reparación de fochancas e afundimentos que presente a vía e na repavimentación. Actuarase no treito comprendido entre os quilómetros 3,6 ao 23,8. 

A Xunta de Goberno provincial acaba de aprobar a adxudicación dos traballos á empresa Construcciones Leonardo Miguélez SL. Estes avances na vía beneficiarán a numerosos veciños e veciñas da comarca da Ulloa que utilizan a diario esta estrada. 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, salienta a importancia destes traballos e recalca que “a mellora das comunicacións é unha prioridade para o Goberno”. Detalla, así mesmo, que “defendemos a mobilidade como un dereito básico dos veciños e veciñas da provincia porque cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos”. 

A institución provincial destina 17,3M€ dos seus Orzamentos para o 2022 ás tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.