Deputación de Lugo
Emprego

O Presidente presenta ao sector do viño da Ribeira Sacra o programa Reiníciate, encamiña o teu futuro para persoas desempregadas de longa duración

Reiníciate: encamiña o teu futuro
Plan de Impulso da Economía
Tomé Roca destacou que esta iniciativa de formación e emprego impulsada pola Deputación e a EOI busca cumprir un dobre obxectivo: favorecer a inserción laboral deste colectivo e nutrir de man de obra cualificada o tecido produtivo

“No caso da formación relacionada co sector do viño, a parte práctica será en adegas, e despois crearemos unha bolsa de emprego, á que os empresarios e empresarias poderán acudir, para contratar a este persoal capacitado”, sinalou

Esta iniciativa en sectores con alta demanda de persoal capacitado comezará a finais deste mes de abril e está dirixida a 120 persoas, sen límite de idade, que leven un mínimo dun ano inscritas no Servizo público de Emprego

Ao acto, que tivo lugar no Centro de Interpretación do Viño de Monforte, acudiron adegueiros e adegueiras que poderán beneficiarse deste plan

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este mércores no Centro de Interpretación do Viño de Monforte de Lemos o programa Reiníciate, encamiña o teu futuro ante adegueiros e adegueiras da Ribeira Sacra. Unha iniciativa de formación e emprego da institución provincial e a Escola de Organización Industrial (EOI) enmarcada no Plan de Impulso de Economía da Provincia que pretende nutrir ao tecido produtivo de man de obra cualificada a través da formación de persoas desempregadas de longa duración. Acompañaron ao Presidente, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e a xefa de Emprego da Deputación, Julia Vázquez Silvarrey.

Tomé Roca explicou que poderán acollerse ao Reiníciate, encamiña o teu futuro un total de 120 persoas, sen límite de idade, que acrediten levar un ano, como mínimo, inscritas no Servizo Público de Emprego. 

O programa, que está dotado con 355.000€, constará dunha parte de formación gratuíta en aqueles sectores con alta demanda de persoal capacitado, e doutra parte de formación  práctica. Haberá establecidas tres zonas de actuación para impartir as formacións, que comezarán a finais de abril: a zona norte (Burela) a zona sur (Monforte de Lemos) e a zona centro (Lugo). Todas as persoas participantes acadarán a capacitación básica e clave para acceder a un posto de traballo cualificado, o que permitirá a aquelas que carezan de formación mínima -graduado escolar ou ESO- acceder a capacitacións profesionais. Segundo explicou o Presidente, no caso da formación relacionada co sector do viño, “a formación práctica poderá ser en adegas, e despois crearemos unha bolsa de emprego á que empresarios e empresarias poderán acudir para contratar a este persoal capacitado”.

Ademais da formación relacionada co viño, haberá formación noutros sectores con demanda, como a atención sociosanitaria ou os idiomas.

Sinalou o Presidente que “con este novo plan de formación e emprego cumpriremos un dobre obxectivo: Por unha parte, favorecemos a inserción laboral destas persoas, que teñen especiais dificultades para encontrar traballo, e, ó mesmo tempo, facilitamos que diferentes sectores profesionais, como o vitivinícola, poida nutrirse de man de obra cualificada, tan demandada e tan necesaria”. O mandatario provincial engadiu que este programa forma parte do paquete do Plan de Impulso da Economía da Provincia, “que lanzamos o ano pasado dende a Deputación de Lugo para axudar a paliar o impacto da pandemia nos sectores produtivos e a recuperar a actividade de maneira sostible”.

“Penso que calquera persoa merece novas oportunidades. Ás veces na vida unha circunstancia, como puido ser a pandemia, ou a enfermidade dun familiar, obríganos a
desconectar da vida laboral. Este programa vai diso, de dar novas oportunidades á xente que sufriu un revés e ten vontade de traballar, pero ó mellor non ten os medios adecuados para facelo”, valorou José Tomé.

Outros programas de dinamización
O Presidente tamén explicou aos bodegueiros e bodegueiras da Ribeira Sacra que a Deputación ten en marcha outros dous programas dos que poden beneficiarse: o Reiníciate: dixitaliza a túa empresa e o Reiníciate: enfoca o teu futuro. O primeiro, un programa de formación e de asesoramento personalizado que se ofrece ás empresas da provincia de Lugo de maneira totalmente gratuíta para axudarlles a aproveitar os recursos das novas tecnoloxías para modernizar e para mellorar o seu negocio. O segundo, unha iniciativa que ten como obxectivo favorecer a inserción no mercado de traballo da xente nova da provincia dándolle formación gratuíta e prácticas remuneradas en empresas e entidades en profesións con alta demanda vinculadas coas novas tecnoloxías e coa dixitalización.

Neste último programa está aberto o prazo para que as empresas e asociacións interesadas poidan solicitar unha axuda económica para incorporar a estes rapaces, xa formados, durante un período de tres meses en réxime de prácticas non laborais remuneradas.