Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo apoia a organización do Día do Libro en Cervantes

día do libro
Imaxe deputación de lugo
A institución cede 150 exemplares do libro Árbores e formacións senlleiras da contorna dos Ancares e do Courel para a celebración desta cita no concello da Montaña

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participará este venres no concello de Cervantes nos actos conmemorativos con motivo do Día do Libro xunto ao Alcalde da localidade, Benigno Gómez, e os deputados provinciais Pilar García Porto, Pablo Rivera Capón e Xosé Luis Raposo. 

A Deputación apoia a organización desta cita a través da entrega de 150 exemplares do libro Árbores e formacións senlleiras da contorna dos Ancares e do Courel, unha publicación coa que colaborou a institución e que foi elaborada por José Gaspar Bernández, doutor en Investigación Agraria e Forestal, e Antonio Rigueiro, catedrático da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (USC).

Os actos, que comezarán ás 13.30 horas, terán lugar no Salón de Actos de Cervantes e comezarán coa benvida e o saúdo do Alcalde e o Presidente da Deputación, e continuará coa entrega de recoñecementos aos alumnos e alumnas do centro cervantino. A xornalista e escritora Helena Villar Janeiro será a responsable de ler o pregón: Cervantes, territorio literario.  O acto rematará coa presentación e visita á exposición de pintura dos Ancares de Silvia González Armesto.