Deputación de Lugo
Formación

Alumnado do Máster de Avogacía da USC fará prácticas na Deputación de Lugo

USC
Colexio avogados
O Presidente e o decano do Colexio Oficial de Avogados de Lugo firmaron un convenio de colaboración por un importe de 12.000€ para que 8 alumnos e alumnas completen a súa formación académica na Asesoría Xurídica da institución provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou xunto ao decano do Colexio Oficial de Avogados de Lugo, Félix Mondelo, un convenio de colaboración para o alumnado do Máster Oficial de Avogacía da USC. Oito estudantes realizarán o período de prácticas na institución provincial, completando a súa formación académica na Asesoría Xurídica da Deputación.

Tomé Roca destacou o bo facer dos alumnos e alumnas deste máster no que se atenden cuestións relacionadas coa institución provincial e se dá servizo aos concellos da provincia de Lugo, moitos deles de pequeno tamaño e con poucos recursos para asumir pola súa conta os procesos xurídicos. Así mesmo, incidiu en que “a Asesoría Xurídica supón, polo tanto, a garantía de contar cun servizo de primeiro nivel, atender en tempo en forma este tipo de procesos e un aforro de custes”. 

Os alumnos e alumnas realizarán un total de 75 horas de prácticas nos próximos meses. Desempeñarán diferentes tarefas e cumprirán os obxectivos de coñecer o funcionamento da Asesoría Xurídica, estudar expedientes, acudir xunto cos letrados e letradas aos Xulgados, elaborar informes e asistir a actuacións administrativas tanto escritas como orais, entre outras.