Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación licita por máis de 100.000€ a dotación dun centro de transformación eléctrica para o CAM de Becerreá

centros de atención a maiores
Imaxe deputación de lugo
A Xunta de Goberno deste venres aprobou a licitación deste equipamento, que non estaba previsto no proxecto inicial, polo que houbo que tramitar un procedemento específico, e que resulta imprescindible para a futura posta en marcha do servizo

A voceira socialista do Goberno subliñou que este novo paso demostra que na Deputación de Lugo “traballamos constantemente para avanzar na execución e posta en marcha dos centros de atención a maiores para cumprir con todos os compromisos adquiridos pola institución en materia de residencias”

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou hoxe a licitación do contrato para a construción dun centro de transformación eléctrica e dun centro de seccionamento para o Centro de Atención a Maiores de Becerreá por 100.897,76€, “unha dotación que non estaba prevista no proxecto inicial da residencia, o que obrigou a elaborar e tramitar un procedemento específico, e que é imprescindible para a futura posta en marcha do servizo”, segundo explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.

O centro de transformación e de seccionamento servirá para distribuír a enerxía eléctrica a tensións de diferente nivel, á vez que se facilita a conexión a liñas e redes eléctricas. Polo tanto, garantirá un correcto subministro eléctrico nas instalacións. O proxecto inclúe o acondicionamento dun local para acoller o centro, garantindo a súa seguridade. O prazo de execución é de un mes dende que comecen os traballos.

García Porto subliñou que este novo paso demostra que na Deputación de Lugo “traballamos constantemente para avanzar na execución e posta en marcha dos centros de atención a maiores e cumprir con todos os compromisos adquiridos pola institución en materia de residencias”. 

A voceira socialista lembrou que a Deputación rematou a construción da estrutura do edificio que albergará o Centro de Atención a Maiores de Becerreá, unhas obras ás que destinou preto de 3,5M€ e que se desenvolveron nunha parcela de 1.200 metros cadrados. Agora ten en marcha este proceso de contratación do centro de transformación eléctrica para o inmoble, e logo procederá á dotación do equipamento necesario para o seu correcto funcionamento. En todo caso, a apertura da residencia está condicionada á obtención de todas as autorizacións e permisos necesarios, que dependen da comunidade autónoma. 

Protección contra incendios
A Xunta de Goberno aprobou tamén hoxe a adxudicación do servizo de mantemento integral das instalacións de protección contra incendios nos centros de atención ás persoas maiores de Trabada, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira. Este contrato ten unha duración de doce meses non prorrogables e un importe de 40.533,64€.

Nove residencias abertas neste mandato
Mostra da intensidade do traballo que desenvolve a Deputación para cumprir cos compromisos cos concellos en materia de residencias é que, só no que vai de mandato, abriu catro novos centros de maiores, na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira, que se suman aos tres que xa estaban en marcha, en Trabada, Ribadeo e Pol. Ademais, neste ano a institución ten previsto abrir as residencias de Ribas de Sil e Navia de Suarna, co que a finais deste mandato, serán un total de 9 os centros de maiores da rede pública da Deputación en funcionamento. Así mesmo, continúa traballando no resto de proxectos, como os da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel ou Ferreira de Pantón, entre outros.