Axenda Institucional
Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo participa na visita do Rei Filipe VI a Sarria

Rei Filipe VI
Sarria
Garda Civil
A institución provincial colaborou coa Garda Civil na organización do acto na que o Xefe do Estado coñeceu o labor de protección e seguridade que realizan os axentes na protección e seguridade dos peregrinos e peregrinas no Camiño de Santiago

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este martes na visita institucional que realizou o Rei Filipe VI ao Cuartel da Garda Civil de Sarria, a primeira viaxe oficial do Xefe do Estado á provincia.

A institución provincial colaborou coa Benemérita na organización do acto, que contou coa presenza do Ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, a Directora da Garda Civil, María Gámez Gámez; o Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones Conde; a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López; o Vicepresidente Primeiro da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela; o Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira; e o Alcalde de Sarria, Claudio Garrido, entre outras autoridades.

Tomé Roca acompañou ao Xefe do Estado na visita ás instalacións sarriás para coñecer o traballo dos axentes para a protección e seguridade dos peregrinos e peregrinas no Camiño de Santiago e recoñecer o seu labor no Ano Santo. O posto de Sarria é un dos referentes do Camiño de Santiago Francés, sendo o concello lucense o punto de saída dun gran número de peregrinos ao atoparse no límite dos 100 quilómetros esixidos para obter a Compostela. 

Esta será a primeira visita real ao concello de Sarria dende que hai 110 anos, cando os bisavós do actual Rei, Alfonso XIII e Victoria Eugenia, asistiron a unha misa no convento da Merced.