Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente recoñece o traballo e o compromiso de Auxilia na atención á diversidade no seu 50 aniversario

benestar social
Auxilia Lugo
Terceiro sector
José Tomé Roca participou este martes en Lugo na inauguración dunha mostra que recolle os principais fitos do colectivo neste medio século de dedicación para conseguir que as persoas con discapacidade poidan compartir os mesmos espazos de convivencia que o resto da poboación

“Auxilia, que foi pioneira, ensinounos a mirar a cidade e o urbanismo con outros ollos, dende a posición de persoas que teñen necesidades específicas á hora de asumir dun xeito autónomo a mobilidade, e tamén a expresarnos mellor con linguaxe inclusiva”, explicou sobre o colectivo

A exposición, que pode visitarse na Rúa da Raíña ata o 13 de maio, “mide o moito que temos avanzado no terreo da integración, pero estou convencido de que Auxilia vai seguir traballando para recordarnos todo aquelo que aínda está pendente, todo o que nos queda por facer”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes en Lugo na inauguración da exposición que conmemora os 50 anos de Auxilia Lugo. Un acto que acolleu a rúa da Raíña, onde se poderá visitar a mostra ata o 13 de maio.  

Tomé Roca felicitou ao colectivo polo seu medio século de vida e por esta exposición que repasa os principais fitos e acontecementos, ademais de darlle ánimo para seguir adiante. “Parabéns ao seu Presidente, a todo o equipo directivo e a todos os socios e as socias por este longo período de compromiso e de traballo continuado, centrado en visibilizar a situación das persoas con diversidade funcional, en garantir a súa dignidade e a súa integración en todos os ámbitos, e en conseguir a súa autonomía a través de melloras que faciliten a súa mobilidade”, destacou.

Con respecto á exposición, enxalzou que “mide o moito que temos avanzado no terreo da integración, pero estou convencido de que Auxilia vai seguir traballando para recordarnos todo aquelo que aínda está pendente, todo o que nos queda por facer”.  E nese sentido, avanzou Tomé Roca que a Deputación “estará aí, coma sempre, para escoitar e atender na medida que poidamos o que nos plantexen, porque, dende logo, o resultado do traballo e do compromiso que leva facendo Auxilia nestes 50 anos fainos mellores a todos e a todas como sociedade”.

Lembrou o mandatario provincial que Auxilia foi unha asociación pioneira que desenvolveu e desenvolve un importante labor nas políticas públicas. “Cando se formou, no ano 1972, a atención á diversidade non figuraba na axenda política das institucións, nunha  época na que aínda estabamos baixo o réxime da Ditadura franquista”. “Co seu labor Auxilia foi situando a atención á diversidade como un elemento esencial das políticas públicas. Ensinounos a mirar a cidade e o urbanismo con outros ollos, dende a posición de persoas que teñen necesidades específicas á hora de asumir dun xeito autónomo a mobilidade, a autonomía”, e puxo o foco en que tamén “nos axudou a expresarnos mellor, a eliminar da linguaxe comentarios e adxectivos que minusvaloran ás persoas polas súas circunstancias físicas”.

Considera que este aniversario ten que servir para que toda a sociedade recoñeza e agradeza a Auxilia todos os pasos dados adiante, “todo os camiños que leva aberto e todo o que nos leva ensinado nestas cinco décadas. Un ensino, un avance, que queda reflexado nas fotografías que compoñen esta mostra”.

Auxilia
Auxilia fundouno un grupo de voluntarios en 1972 cando non existía movemento asociativo algún na cidade de Lugo co obxectivo de sacar á rúa ás persoas con discapacidade que estaban relegadas a estar no seu fogar. Tamén se ocuparon do baleiro que existía cos nenos e nenas sen escolarizar e comezaron a facerse actividades (xuntanzas, colonias, cursos…) para dar a coñecer a problemática. Unha das súas grandes prioridades é a eliminación de barreiras arquitectónicas.

O obxectivo de Auxilia é conseguir que todas as persoas con discapacidade poidan compartir os mesmos espazos de convivencia que o resto da poboación: o espazo físico, o educativo, o laboral, o de lecer, etc. O seu lema é “Por aquí movémonos todas e todos”.

A Deputación destina 34M€ a políticas sociais
O Presidente fixo fincapé no firme compromiso que a Deputación de Lugo ten coas políticas sociais, de benestar, integración e atención á diversidade. “Dedicamos máis dun terzo do total do Orzamento a estas políticas sociais, máis de 34M€, cun firme apoio ao labor que fai o tecido asociativo da provincia vinculado co terceiro sector, como é o caso de Auxilia”, explicou. Ademais, recordou que a maiores do investimento económico, a institución provincial traballa dun xeito transversal para incorporar a perspectiva da diversidade en todas as políticas públicas.

Puxo o exemplo dunha  guía de accesibilidade centrada nos recursos turísticos que precisamente a Deputación elaborou en coordinación con Auxilia, e que se presentará á cidadanía nas vindeiras semanas.