Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación renova o seu compromiso coa facultade de Veterinaria do Campus Terra

Facultade de Veterinaria
USC
José Tomé Roca coñeceu o traballo realizado polo grupo de investigación COPAR e GAPAVET, ademais de visitar espazos comúns e aulas que permiten situar este centro como un referente nacional e internacional

A Deputación mantén unha ampla liña de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, en especial co Campus de Lugo, entre as que se inclúen proxectos como a Granxa Experimental de Leite na finca provincial Gayoso Castro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, reafirmou o seu compromiso coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Facultade de Veterinaria do Campus Terra cunha visita ás instalacións deste centro de referencia nacional e internacional en canto a formación e investigación. O mandatario provincial estivo acompañado na visita polo decano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, Gonzalo Fernández Rodríguez; o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e a vicedecana da facultade, María Isabel Quiroga Berdeal.

Tomé Roca coñeceu o traballo realizado polo grupo de investigación de Control de Parásitos en Animais e Persoas (COPAR) e de Anatomía Patolóxica Veterinaria (GAPAVET), que centra a súa investigación principalmente na acuicultura. Tamén visitaron instalacións innovadoras nas que o alumnado completa a formación teórica, como a aula de necropsias, instalada nun dos edificios da facultade, onde puideron ver ao alumnado realizar algún destes traballos. 

O Presidente valorou esta visita e destacou “a importancia de contar cun centro de referencia coma este na provincia de Lugo, unha provincia principalmente rural no que o sector agrogandeiro é estratéxico. Son moitos os alumnos e alumnas os que cada ano chegan a Lugo para formarse con algúns dos mellores investigadores neste sector e abrir novas vías de traballo”. 

“Dende a Deputación de Lugo queremos que os universitarios e universitarias que chegan a Lugo queden na provincia e por iso traballamos da man da USC, pero especialmente do Campus Terra, con proxectos tan importantes como a Granxa Experimental de Leite na finca provincial Gayoso Castro, na que cada ano medio milleiro de alumnos completan a súa formación con prácticas reais”, destacou o Presidente.

A Deputación, unha aliada do Campus

O Presidente lembrou tamén a boa sintonía e a importante colaboración da Deputación de Lugo coa Universidade de Santiago de Compostela, especialmente dende a posta en marcha do Campus de Lugo. “A institución provincial foi clave para crear o Campus de Lugo, e continuou sendo clave para manter, para mellorar e para ampliar a súa actividade. Hoxe somos a Deputación de España que fai unha maior achega económica á Universidade pública, o que demostra o noso nivel de compromiso co ensino superior público, universal e de calidade” destacando o seu valor como unha ferramenta imprescindible para a igualdade de oportunidades e para un desenvolvemento social e económico sostible e equilibrado.

O ano pasado o Presidente e o reitor da USC, Antonio López Díaz, asinaron un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 370.500€, preto dun 90% do total, para dar soporte de maneira transversal á actividade do Campus de Lugo. Así mesmo, ambas institucións colaboran na posta en valor da Valgada do Campus Terra e, recentemente, asinaron un convenio para posibilitar que o alumnado da Universidade de calquera grao ou especialidade poida completar a súa formación con períodos de prácticas nas dependencias provinciais.

A Facultade de Veterinaria foi fundada en 1983 e na actualidade mantense como o único centro de formación para profesionais das Ciencias Veterinarias en Galicia. Na actualidade, o conta co Grao de Veterinaria, con máis de 100 prazas anuais, e co Máster Universitario en Xenómica e Xenética, nos que participan máis de 130 docentes de 19 departamentos da USC.