Deputación de Lugo

O Presidente cumpre co seu compromiso de rematar a renovación da estrada de Pedrafita a Seoane do Courel

estradas
Rede provincial de estradas
Pedrafita
Seoane do Courel
A Deputación vén de licitar en 285.000€ as obras de mellora do tramo da LU-P-1301 entre o punto quilométrico 7,350 e o 8,670, co que completará o acondicionamento total desta estrada

O Presidente comprometeuse a arranxar os 6 quilómetros que quedaban pendentes en tres fases, destinando para elo preto de 1M€

A actuación inclúe o ensanche desta vía, que soporta moito tráfico, polo que os traballos suporán unha mellora na seguridade e comodidade da veciñanza destes concellos e de toda a comarca

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, cumpre co compromiso que adquiriu coa veciñanza coa licitación en 285.000€ do último tramo pendente para completar a renovación da LU-P-1301, que conecta os concellos de Pedrafita do Cebreiro e Seoane do Courel. A Xunta de Goberno vén de aprobar a licitación destes traballos, que afectarán ao tramo que vai dende o punto quilométrico 7,350 ao 8,670, e que terán un prazo de execución de 6 meses, unha vez iniciados.

A Deputación actuará neste treito para ensanchar a vía, axustándose ás características do territorio como parte da Rede Natura 2000. Ademais, o proxecto contempla afirmado, pavimentación, sinalización e colocación de balizas de neve, paneis direccionais e barreira metálica de seguridade. Unhas actuacións que integran a fase final das obras de rehabilitación dos 6 quilómetros que quedaban pendentes nesta estrada entre Pedrafita e Seoane, e que se suman ás xa rematadas entre os puntos quilométricos 10,700 e o 12,591, ás que destinou 245.000€, e as que comezarán previsiblemente este mes no tramo que vai desde o 8,670 e o 10,700, adxudicadas en preto de 300.000€.

José Tomé destacou que a Deputación destinou en total preto de 1M€ nesta estrada cumprindo coa súa palabra de arranxar os quilómetros que quedaban pendentes para a súa rehabilitación completa. O Presidente recalcou a importancia desta actuación para o conxunto da Montaña, “porque esta estrada é moi empregada pola veciñanza e contribuirá a avanzar cara o equilibrio territorial, imprescindible para o futuro do rural”.

Máis de 14M€ na Montaña

A Deputación de Lugo leva investidos desde o inicio do mandato máis de 14M€ en infraestruturas viarias na Montaña a través de varias liñas de actuación. Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, a máis  longa de toda España e tres veces maior ca da Xunta de Galicia na provincia, preto de 900 quilómetros percorren esta comarca, repartidos en 110 vías. Discorren polos municipios de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín.

A institución provincial actúa nas estradas da comarca con proxectos de mellora, a través do Plan Único, cos medios propios do Parque Móbil e tamén con cargo ao Plan Provincial de Conservación de Estradas.

 

*FOTO DE ARQUIVO. Primeira fase das obras na LU-P-1301