Deputación de Lugo
Economía
Emprego
Formación

O Presidente subliña que a I Feira de Emprego e Talento do Ceao e As Gándaras contribúe ao desenvolvemento económico equilibrado e sostible da provincia

FEIRA EMPREGO E TALENTO
POLÍGONO DO CEAO
Lugo
José Tomé Roca salientou na apertura desta cita que se desenvolve hoxe na sede da asociación de empresarios organizadora que “o talento é unha materia prima moi abundante na provincia de Lugo, e iniciativas coma esta axudarannos a retelo aquí e a sacarlle o mellor proveito para o desenvolvemento social e económico do noso territorio”

Valorou o enfoque do evento porque “aposta polo diálogo e pola información, por poñer en contacto directo a empresas, a traballadores e traballadoras, a estudantes e a emprendedores e emprendedoras, de tal forma que poidan compartir situacións e experiencias: o que ofertan, o que buscan, os proxectos que xa teñen en marcha ou os que lles gustaría sacar adiante”

A Deputación conta cun expositor propio para informar dos programas que ten en marcha de emprego e formación dirixidos á xente nova, persoas desempregadas de longa duración e de dixitalización de empresas, ademais de dar a coñecer a Axencia de Colocación e o Punto de Atención ao Emprendemento

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves na inauguración da I Feira de Emprego e Talento que organiza a asociación de Empresarios do Ceao e As Gándaras. Unha cita, na que tamén estivo presente a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e que se desenvolve ao longo deste día en horario de mañá e tarde. 

O mandatario provincial felicitou ao colectivo por lanzar esta iniciativa que valorou como “interesante e positiva para a capital lucense, pero tamén para o conxunto da nosa provincia”. Auguroulle moitos éxitos ao evento e desexou que se consolide nos nosos próximos anos como unha cita importante do noso sector económico. “O talento é unha materia prima moi abundante na provincia de Lugo, e iniciativas coma esta axudarannos a retelo aquí e a sacarlle o mellor proveito para o desenvolvemento social e económico do noso territorio”, subliñou. 

“Creo que necesitamos de encontros coma este na nosa provincia, precisamente neste momento no que a ilusión por ver superada a pandemia se ve ensombrecida  pola crise derivada da guerra no este de Europa. Cando a realidade se volve pesimista, todos e todas debemos aportar iniciativas que axuden ó optimismo. E penso que a filosofía, o plantexamento desta feira, dannos motivos para elo”, manifestou.  
Valorou o enfoque da cita porque “aposta polo diálogo e pola información, por poñer en contacto directo a empresas, a traballadores e traballadoras, a estudantes e a emprendedores e emprendedoras, de tal forma que poidan compartir situacións e experiencias: o que ofertan, o que buscan, os proxectos que xa teñen en marcha ou os que lles gustaría sacar adiante”. Incidiu, así mesmo, que “o desenvolvemento económico da nosa provincia avanzará de xeito máis equilibrado e sostible se favorecemos espazos de encontro coma este”. 

O Presidente salientou que a promoción económica e do emprego e o apoio aos sectores produtivos da provincia son para a Deputación “unha das liñas de actuación prioritarias, tal e como reflexamos nos Orzamentos, que desenvolvemos de maneira directa ou en colaboración cos concellos e co propio tecido produtivo, como é o caso da participación nesta iniciativa, sempre co  obxectivo de fortalecer o tecido produtivo, e de crear e manter o emprego, sobre todo no noso rural, tendo presente a función social do traballo, porque garantir o emprego é unha das mellores políticas sociais posibles”.

A Deputación, comprometida co emprego
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou nun foro desenvolvido esta mañá no marco desta I Feira de Emprego e Talento as principais medidas que ten en marcha a Deputación neste ámbito e detallou a información que está ofrecendo a institución no expositor co que conta nesta feira. 

Así, Rivera Capón deu a coñecer o plan de apoio gratuíto ás empresas da provincia para avanzar na dixitalización Reiníciate: dixitaliza a túa empresa; o programa de formación e emprego para favorecer a inserción laboral da mocidade Reiníciate: enfoca o teu futuro, e de desempregados de longa duración Reiníciate: encamiña o teu futuro. Tamén explicou o funcionamento do servizo de emprego que ofrece a Deputación a través da Axencia de Colocación; e o Punto de Atención ao Emprendemento para axudar a lanzar e consolidar novos proxectos empresariais.

Máis de 20 expositores
Máis de 20 empresas e institucións participan cun expositor propio nesta primeira Feira do Emprego e Talento que promove a asociación de empresarios do polígono do Ceao-As Gándaras. O foro desenvólvese este xoves durante todo o día na sede que a asociación ten na Avenida das Leiteiras, no Ceao. Está dirixido a persoas en busca activa de emprego, alumnado en prácticas ou profesionais que desexen unha mellora no seu posto de traballo.