Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación destina máis de 825.000 euros á conservación e o mantemento das estradas da Montaña

rede viaria provincial
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do último dos oito lotes do contrato, que inclúe tarefas de acondicionamento, así como as emerxencias, causas sobrevidas e consecuencias das inclemencias meteorolóxicas que afecten á rede viaria provincial

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou a adxudicación do lote cinco do contrato para a prestación durante dous anos do servizo de conservación e mantemento das estradas de titularidade provincial por un importe de máis de 825.000 euros á empresa Extraco, Construcións e Proxectos, S.A. Trátase do último lote deste contrato e afecta aos concellos da Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna. 

García Porto destacou a importancia de dar luz verde a este contrato xa que “deste xeito toda a rede viaria provincial está cuberta e poden levarse a cabo as tarefas necesarias para a conservación e o mantemento das estradas, así como a atención de emerxencias, causas sobrevidas e consecuencias das inclemencias meteorolóxicas que lles afecten”. 

“Este contrato dá mostra de que para nós a mellora das comunicacións viarias é unha prioridade porque son necesarias para favorecer a calidade  de vida das persoas e a igualdade de oportunidades”, explicou a voceira socialista e destacou que se leva a cabo co fin de poder actuar dun xeito máis áxil e eficaz “sobre todo tendo en conta a enorme rede de estradas coa que contamos, que, lembremos, é a máis extensa de toda España e tres veces maior ca da Xunta de Galicia na provincia de Lugo”.

O conxunto do contrato de prestación dos servizos de conservación e mantemento da rede viaria provincial foi adxudicado por máis de 6M€. 

Remanentes do Plan Único

A Xunta de Goberno deu luz verde tamén á solicitude do Concello de Paradela para destinar a novas obras os remanentes de actuacións do Plan Único do 2021 por un importe de 48.359,92€. En concreto, a Deputación de Lugo achegará máis de 41.816€ para o acondicionamento e mellora do acceso ao núcleo de Bacorrelle desde o cruce das Bustaregas.