Deputación de Lugo
Formación

A Deputación cede o inmoble do centro asociado da UNED en Lugo á universidade

UNED
O Presidente e o vicerreitor de centros asociados da UNED asinaron no Pazo de San Marcos o convenio de cesión gratuíta por 49 anos das instalacións situadas en Tolda de Castela

A UNED contará con máis autonomía de xestión do centro e deberá manter en perfecta conservación as instalacións, ademais de asumir os gastos dos servizos necesarios para o seu funcionamento

A Xunta Reitora da UNED de Lugo, presidida por Tomé Roca, acordou este venres ampliar a oferta educativa con tres novos graos para o curso 2022-2023: Educación Infantil, Ciencias Ambientais e Enxeñaría da Enerxía

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o vicerreitor de centros asociados da UNED, Jesús de Andrés Sanz, asinaron este venres na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un convenio a través do cal a institución provincial cede a esta universidade o inmoble do centro asociado de Lugo. 

O edificio, que se atopa no barrio Tolda de Castela, cédese de maneira gratuíta e temporal por 49 anos. A UNED contará con máis autonomía de xestión do centro e deberá manter en perfecta conservación as instalacións, sendo responsable dos danos, detrimentos ou deterioracións causadas. Á súa vez, todas as actividades que se organicen faranse baixo a responsabilidade da universidade e deberá costear de xeito íntegro os servizos como a electricidade, a auga, a calefacción e as liñas telefónicas. Ademais, deberá pagar os tributos que afecten ás instalacións.  Pola súa banda, a zona de estacionamento será de utilización conxunta da UNED e da Deputación, contribuíndo a partes iguais ao seu mantemento. 

Esta cesión derívase do acordo de colaboración que no seu día estableceu o convenio para a construción das instalacións no barrio da Tolda. A Deputación destinou 2M€ para converter o antigo Hotel Miño no centro de referencia da Universidade a Distancia no noroeste de España, construíndo unhas instalacións pioneiras e de primeiro nivel.  Con este centro, Lugo deixou de ser a única capital galega na que a Universidade a Distancia non tiña centro físico, e tamén axudou á súa consolidación e a implantación de novas formacións. 

A institución provincial colabora cunha achega total de preto de 300.000 euros anuais coa Universidade de Educación a Distancia para gastos derivados do centro lucense e a posta en marcha de diferentes proxectos cos que o seu alumnado pode ampliar a formación. En conxunto, a Deputación apoia o ensino superior na provincia cunha aportación que ronda o millón de euros, entre a colaboración coa USC e a UNED a través de diversas vías.

Ampliación da oferta educativa con 3 novos graos
O Presidente da Xunta Reitora da UNED de Lugo e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu tamén este venres unha reunión extraordinaria para acordar a ampliación da oferta educativa con tres novos graos para o curso 2022-2023. 

A UNED Lugo impartirá os graos en Educación Infantil, Ciencias Ambientais e Enxeñaría da Enerxía. Proporcionarase para as tres titulacións unha formación na modalidade de semipresencial, respondendo á boa acollida que este tipo de ensino ten nos últimos anos na provincia. 

O Grao en Educación Infantil que se impartirá formará a profesionais especialistas na formación dos nenos e nenas escolarizados na etapa de 0 a 6 anos. Esta etapa considérase a base da aprendizaxe e o desenvolvemento permanente, como se constata no obxectivo 4 da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible da UNESCO.  O seu plan de estudos ofrece ao alumnado a oportunidade de adquirir os coñecementos académicos e profesionais necesarios para completar a súa formación intelectual e afrontar con compromiso as diversas funcións da súa vida profesional na súa contorna escolar social cambiante. 

O Grao en Ciencias Ambientais é unha aposta estratéxica do Centro Asociado de Lugo para a formación de profesionais cunha visión xeralista, multidisciplinar e global da problemática ambiental, enfocada desde diversos sectores do coñecemento. Os futuros ambientalistas reforzarán os piares do Centro Asociado na creación dunha conciencia social máis xusta e sostible.

Respecto ao Grao de Enxeñería da Enerxía, cómpre destacar o papel fundamental que a enerxía ten no desenvolvemento da sociedade. A eficiente utilización dos recursos enerxéticos, potenciando especialmente os de carácter renovable, ten tamén repercusións medioambientais a nivel local e global.  Con esta formación preténdese facer fronte aos retos tecnolóxicos formando aos futuros profesionais con coñecementos sólidos nas disciplinas básicas e xeralistas, inherentes ao exercicio profesional dun enxeñeiro, pero que ademais sexan capaces de contribuír en materias de sustentabilidade, eficiencia global, ética profesional a particulares, empresas e institucións en políticas enerxéticas de aforro, sustentabilidade e racionalidade na xeración e o uso da enerxía.  

Un activo na provincia
O Presidente da Deputación puxo de manifesto a importante aposta polo medio ambiente e os proxectos Planeta ODS 2.0 nos que se especializa o centro asociado da UNED en Lugo que se ven agora reforzados coa incorporación destas formacións. Tomé Roca valora positivamente a ampliación da oferta educativa do centro asociado da UNED, facendo fincapé en que “fomenta en Lugo iniciativas transversais, que a dotan dun carácter diferenciado, como as que impulsa en torno á igualdade, ou as que teñen que ver co medio ambiente e o desenvolvemento sostible”. 

Tomé Roca reivindica unha UNED que achega “un gran valor á provincia de Lugo porque reforza o noso carácter de cidade e de provincia universitaria, envorcada co ensino superior e co I+D+i. Ademais, achega valor porque a formación da UNED axuda a converter o talento nun factor de desenvolvemento individual e colectivo da provincia de Lugo”. 

Subliña tamén que se trata dunha formación que se desenvolve dende os principios da calidade e da universalidade, que son os que definen o modelo do ensino público en España: “O noso país, a nosa provincia, conta cun excelente modelo de universidade pública. Un modelo que favorece a igualdade de oportunidades e que garante o compromiso co desenvolvemento da sociedade e do territorio a través da transferencia do coñecemento. Un modelo que non precisa outro estímulo que ver asegurada a suficiencia orzamentaria que lle permita seguir impulsando as súas tarefas e os seus obxectivos”.