Deputación de Lugo
Turismo

A escalada e o agroturismo, protagonistas da segunda fin de semana do programa Actívate da Deputación

activate

Baleira e Láncara foron os concellos que esta fin de semana acolleron as propostas do programa de turismo activo e de aventura Actívate que impulsa a Deputación de Lugo as fins de semana ata o mes de xullo. Os participantes puideron iniciarse este sábado na escalada en Penas da Fontaneira, no concello de Baleira, e, o domingo, foi a quenda do agroturismo e a introdución á apicultura, en Láncara, cunha visita a unha granxa local e ao Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria.

Dentro deste programa provincial xa se levaron a cabo actividades de sendeirismo en Ribas de Sil e sendeirismo e espeleoloxía na Pontenova. Son propostas gratuítas, para todos os públicos co obxectivo de apoiar ao sector da hostalaría, o turismo e o comercio, ao tempo que se avanza nun modelo de turismo de calidade e sostible.

As persoas interesadas en participar a vindeira fin de semana na práctica de bicicleta de montaña eléctrica, en Guitiriz, ou tiro con arco, na Fonsagrada, xa poden inscribirse na web http://inscricions.deputacionlugo.org Para máis información, poden enviar un correo electrónico a activate@deputacionlugo.org ou chamar ao teléfono 982.26.02.35.