Deputación de Lugo
Turismo

Preto de 200 persoas gozaron xa das rutas polo románico da provincia, que hoxe acolleu a capital lucense

Día da Transrománica
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo destacou o éxito do programa organizado pola Deputación, que incluíu este luns a conmemoración do Día da Transrománica cunha visita guiada pola Catedral de Lugo e a cidade medieval

As actividades, que arrancaron o pasado sábado, retomaranse a vindeira fin de semana con percorridos polos concellos de Sober, Monforte, O Courel, Meira, Portomarín, Paradela, Foz, Sarria e Viveiro

As persoas interesadas en participar poden inscribirse en http://inscricions.deputacionlugo.org

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este luns na visita á Catedral de Lugo e á cidade medieval no marco do programa de rutas gratuítas polo patrimonio románico da provincia que organizou a Deputación de Lugo con motivo do Día da Transrománica. Na visita estivo acompañada das concelleiras lucenses de Economía e Recursos Humanos, Paula Alvarellos Fondo, e de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores, Olga López Racamonde, así como do director do Museo Diocesano e Catedralicio, Marcos Calles Lombao.

García Porto destacou a boa acollida desta iniciativa, na que xa participaron preto de 200 persoas só na primeira fin de semana de celebración. A Deputada incidiu en que “as primeiras visitas foron todo un éxito e demostraron que esta actividade gusta aos lucenses”.

Con este programa, a Deputación busca “promocionar o patrimonio románico da provincia, apoiando ao sector do turismo, á hostalería e ao comercio, e, ao mesmo tempo, consolidar un modelo de turismo de calidade e sostible con capacidade para atraer visitantes durante todo o ano, e xerar actividade económica e emprego, sobre todo no rural”, lembrou Pilar García Porto.

As rutas comezaron o pasado sábado, por Antas de Ulla, Lugo e Guntín, Chantada, Palas de Rei e Monterroso, e continuaron o domingo por Taboada, Pantón e O Saviñao, e este luns por Lugo. Retomaranse a vindeira fin de semana, os días 14 e 15 de maio, por Sober, Monforte de Lemos, O Courel, Meira, Portomarín, Paradela, Foz, Sarria e Viveiro. 

A Deputada animou “a todos os veciños e veciñas da provincia a participar nestas visitas gratuítas ao noso patrimonio cultural”, para o que deben anotarse na web http://inscricions.deputacionlugo.org ata dous días antes das actividades ou ata completar aforo.

Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 982.260.011 e 982.260.234, ou dirixirse ao correo electrónico romanico@deputacionlugo.org

Programa de rutas polo románico
 

Sábado, 14 de maio
- 10.30 horas. O románico en Sober
- 10.30 horas. Monforte na historia
- 16.30 horas. O románico no Xeoparque das Montañas do Courel
- 16.30 horas. Santa María de Meira

Domingo, 15 de maio
- 10.30 horas. O Románico na contorna do Miño e o Camiño de Santiago: Portomarín e Paradela
- 10.30 horas. San Martiño de Mondoñedo
- 16.30 horas. O Románico no Camiño Francés
- 17.00 horas. Santa María do Campo e Viveiro histórico

Promoción europea

A Ruta Transrománica da que forma parte a Deputación de Lugo está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. Está integrada por rexións de 9 países da Unión Europea -Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España- e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

A provincia de Lugo é o terceiro lugar de toda España que forma parte desta entidade, despois de Castela e León, co mosteiro de Santo Domingo de Silos, e a cidade de Zamora, e conta na súa ruta con 10 igrexas de arte románico situadas noutros tantos concellos da Ribeira Sacra: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.