Deputación de Lugo
Economía

Cervantes recupera a Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña co apoio da Deputación de Lugo

Cervantes
territorio verde
feira en defensa do gandeiro da montaña
O Deputado de Promoción Económica e Social, o Alcalde cervantego e a asociación Territorio Verde presentaron no Pazo de San Marcos esta cita, que se celebrará o vindeiro sábado en San Román de Cervantes

A institución provincial impulsa esta segunda edición cunha axuda ao Concello de 2.000€ porque dinamiza o rural a nivel social, e tamén a nivel económico “pois a súa celebración terá un retorno para a economía local e da comarca”

Haberá tanto exposición como venda de animais e participarán máis de 160 cabezas na feira que achegarán 60 gandeiros e gandeiras, unha cifra superior á da edición anterior

Rivera Capón: “Recuperar esta feira é un feito moi importante que dá boa mostra do que, dende a Deputación de Lugo, non nos cansamos de repetir: que o noso rural non está baleiro, senón que está cheo de ideas e de iniciativas, que necesitan de políticas públicas para saír adiante”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín,  e o presidente da asociación Territorio Verde, Miguel González Vilela, presentaron este luns no Pazo de San Marcos a II Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, que se celebrará o vindeiro sábado, 14 de maio, en San Román de Cervantes. A institución provincial colabora coa celebración desta cita  cunha achega de 2.000 euros.

Rivera Capón destacou que presentar a segunda edición esta feira que volve “despois de dous anos tan duros de pandemia é unha gran noticia porque nos axuda a seguir poñendo en valor e apoiando o noso sector agrogandeiro e o noso rural, que son realmente a esencia da provincia de Lugo”.  Ademais, que volva esta cita ten un dobre valor, explicou o Deputado, porque no 2019 recuperárase despois de que non se celebrara dende o ano 1985. “Isto é un feito moi importante, que dá boa mostra do que, dende a Deputación de Lugo, non nos cansamos de repetir: que o noso rural non está baleiro, senón que está cheo de ideas e de iniciativas, que necesitan de políticas públicas para saír adiante”. 

Nas súas palabras eloxiou a todas as persoas que traballan para facer posible a feira, como son o Concello e Territorio Verde, pero tamén os gandeiros e gandeiras, unha peza fundamental para o éxito da cita.  “Parabéns polo voso compromiso e polo voso traballo para sacar adiante esta feira, coa que colaboramos dende a Deputación de Lugo, porque coincide plenamente cunha das nosas liñas de actuación prioritarias, como é o apoio aos sectores produtivos, sobre todo ao sector primario, estratéxico para a nosa provincia”, recalcou.

“Apoiamos esta feira porque dinamiza o noso rural a nivel social, e tamén a nivel económico, pois a súa celebración terá un retorno para a economía local, de Cervantes e da comarca, cun impacto positivo na hostalería, no comercio e no turismo. E tamén colaboramos porque este tipo de iniciativas visibilizan, promocionan e poñen en valor o noso sector agrogandeiro, o traballo dos gandeiros e gandeiras, e a alta calidade dos seus produtos, e isto para a Deputación de Lugo, é fundamental”, salientou Rivera Capón.

O Deputado fixo un convite extensivo a todos os veciños e veciñas, e ás persoas que visitan a provincia para que “que se acheguen a Cervantes o vindeiro sábado. Será un día de festa, de encontros e de reencontros, e será un día, como di o nome da propia feira, para a Defensa do Gandeiro, e para axudar a darlle ao noso sector primario a relevancia que merece”.


Recuperar as feiras tradicionais 
Con esta iniciativa promovida pola Asociación Territorio Verde, recuperouse no 2019 unha feira tradicional de cabezas de vacún que non se celebraba no Concello de Cervantes dende o ano 1985. Coa tenreira galega como protagonista, esta cita anual contribúe a fomentar a unión e o traballo conxunto dos gandeiros para impulsar a produción de carne de tenreira da mellor calidade, un sector económico clave para o desenvolvemento do territorio dos Ancares e para fixar poboación. Na súa organización colaboran unhas 90 persoas, dende o Concello, a asociación, negocios da comarca, e persoas que de xeito desinteresado se amosan voluntarias para sacar adiante o evento. 

Nesta segunda edición haberá tanto exposición como venda de animais. Participarán máis de 160 cabezas na feira de máis de 60 gandeiros e gandeiras, unha cifra superior á da edición anterior. Ademais, haberá máis diversidade de animais, xa que ademais de gando vacún, tamén haberá cabalos, cabras ou ovellas. 

A organización pretende volver a poñer en auxe o espírito das feiras de hai 40 anos que se celebraban ao aire libre e eran o principal punto de venda de gando, un feito que revaloriza os prezos e dá peso a este sector que é vital para a Montaña lucense.  

Programa
A feira celebrarase ao aire libre en San Román de Cervantes durante todo o día, aínda que os principais actos serán en horario de mañá. Haberá exposición de gando e importantes premios para os mellores exemplares. Contarase con postos de polbo, máis de 20 postos de artesanía e produtos locais, e exposición e venda de maquinaria agrícola.  

08:00 horas: Recepción de gando e recollida de credenciais
10:00 horas: Votación do xurado 
12:00 horas: Poxa de novelas de ACRUGA
13:00 horas: Entrega de premios

Premios
- 1º, 2º e 3º premio á mellor vaca Rubia Galega
- 1º, 2º e 3º premio á mellora vaca Asturiana de Los Valles
- 1º, 2º e 3º premio á mellor Novilla Rubia Galega
- 1º, 2º e 3º premio á mellora Novilla Asturiana de Los Valles
- 1º, 2º e 3º premio ao mellor touro Rubio Galego
- 1º, 2º e 3º premio ao mellor touro Asturiano de Los Valles
- 1º, 2º e 3º premio ao mellor novillo Rubio Galego
- 1º, 2º e 3º premio ao mellor novillo Asturiano de los Valles
- 1º, 2º e 3º premio ao mellor Conxunto Gando Galego
- 1º, 2º e 3º premio ao mellor Conxunto Gando Asturiano de Los Valles
- 1º premio a gandería con maior número de reses presentadas
-  Tamén haberá 10 premios aos mellores xatos carniceiros