Deputación de Lugo
Economía
Emprego

Portomarín BeerFest, a cita que nace co apoio da Deputación de Lugo para enxalzar a cultura cervexeira

Portomarín
portomarín fest
cervexa
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o organizador presentaron en San Marcos este encontro, no que os asistentes poderán catar esta fin de semana na Praza do Camiño máis de 30 cervexas artesanais de fábricas galegas, nacionais e internacionais

García Porto salientou que o evento “encaixa perfectamente co modelo de turismo sostible, de calidade e ligado ás experiencias que promovemos dende a Deputación. Un turismo pensado para desfrutar en familia, con actividades para todo tipo de público”

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o organizador do Portomarín BeerFest, Manuel Pombo, presentaron este mércores no Pazo de San Marcos a primeira edición deste encontro, que se celebrará esta fin de semana na Praza do Camiño da localidade coa colaboración económica da institución.

García Porto felicitou á organización por impulsar esta iniciativa que “nace para converterse nun gran festival arredor da cervexa artesanal, convocando a mestres e firmas de Galicia, pero tamén do resto de España e de países como Reino Unido, Noruega ou Polonia, para propoñer maridaxes de cervexa e gastronomía e para ofrecer tamén talleres nos que aprender a elaborar cervexa dun xeito artesanal”. 

Lembrou a Deputada que en Galicia lévase “moito camiño percorrido para asentar a calidade e a promoción dos nosos viños, das nosas denominacións de orixe, e a Ribeira Sacra é un bo exemplo de como co traballo unha denominación pode asentarse na alta gastronomía, darse a coñecer fóra das nosas fronteiras e fortalecer a oferta de turismo dunha zona.  Penso que no eido da cervexa temos moito camiño por diante e que esta primeira edición do Portomarín BeerFest é un bo paso no camiño de seguir crecendo na diversificación da nosa oferta turística e gastronómica”.

Ademais, manifestou na presentación García Porto, o BeerFest “encaixa perfectamente co modelo de turismo sostible, de calidade e ligado ás experiencias que promovemos dende a Deputación de Lugo. Un turismo pensado para desfrutar en familia, con oferta de actividades para todo tipo de público”, referiu ao contar no programa tamén con xogos e actividades pensadas para os máis pequenos da casa. 

“É unha cita que aposta por un produto artesanal, que pon en valor o patrimonio cultural e paisaxístico de Portomarín e a súa contorna, e que nace cunha clara vocación internacional”, subliñou. Quixo incidir nas súas palabras a Deputada que “o turismo é unha fonte de riqueza e de xeración de emprego para o rural, e, desta forma, contribúe a fixar poboación, e incentiva ás xeracións máis novas a desenvolver proxectos empresariais nese entorno”.

García Porto lanzou un convite extensivo a todos os veciños e veciñas da provincia, pero tamén ás persoas que visiten esta ponte das Letras Galegas e de San Isidro a provincia para que se acheguen a Portomarín esta fin de semana. Incidiu en que “serán dous días de festa e de encontros, que tamén servirán para aprender moitas curiosidades sobre a cervexa artesá e toda a cultura que se xera arredor dela”.

Máis de 30 tipos de cervexas
Nesta primeira edición do Portomarín BeerFest contarase con 25 fábricas de cervexas, o que dará a posibilidade de que os asistentes poidan catar máis de 30 cervexas diferentes de todo o mundo. Ofrecerase produto de marcas grandes e moi prestixiosas a nivel nacional, das que moitas das súas cervexas son consideradas como produtos delicatessen. Así mesmo, ofrecerase cervexa sen glute pensando en que tamén poidan ser partícipes da cita as persoas celíacas. 

Un dos obxectivos da festa tamén é que a sociedade poida descubrir novas cervexas que non é doado atopar nos comercios convencionais. Entre as marcas de cervexa que estarán representadas esta fin de semana están Amundsen (Noruega), Stone (Estados Unidos), Browar Stu Mostów (Polonia), Garage (Barcelona), Cantillon (Bélxica), Basqueland (País Vasco), Dos Dingos (Arxentina), Colmo (Ancares), Alé Alé (Arteixo), Freddo Fox (Barcelona), Juguetes Perdidos (Arxentina), La Pirata (Barcelona), Lervig (Noruega), Alefarm Brewing (Dinamarca), Gross (Guipuzcoa), Verdant (Reino Unido), Rec Brew (Barcelona) e Blech Brut (Alemania), entre outras. 

Un alto interese na sociedade
A organización agarda a chegada de afeccionados de todo o panorama nacional, contando coa presenza de persoas de Asturias, Castela e León, e da propia comunidade galega chegadas de puntos como A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo ou Pontevedra. Ademais, Portomarín recibe un gran número de peregrinos estranxeiros, un feito que axudará á proxección da cita non só a nivel nacional, senón tamén a nivel internacional.

Para conseguir que as persoas interesadas cheguen á localidade sen riscos, habilitaranse  autobuses de ida e volta dende Santiago de Compostela, A Coruña e Lugo.

Programa
O evento desenvolverase nunha carpa situada na Praza do Camiño, no centro da localidade de Portomarín.  Contarase, ademais dos postos coas billas de cervexa, con postos de comida. Haberá actividades que precisen de inscrición previa,  como a degustación de whiskys e o curso de elaboración de cervexa, que acollerá o Local Gastronómico. 

Sábado, 14 de maio
12:30 horas: Apertura de barras
13:00 horas: Sesión Beermú 
15:00 horas: Cata de whiskies con Agus Blanco
17:00 horas: Xogos populares
20:00 Concerto de Anxo Araújo
23:00 Fin de festa

Domingo, 15 de maio
12:00 Curso de elaboración de cervexa con Lager y Ale, e Mati Cavanna de Dos Dingos
12:30 Apertura de barras
20:00 Concerto de Ukestra do Medio
23:00 Fin de festa