Deputación de Lugo
Turismo

Rivera Capón participa nos bautismos ecuestres de EQUIGAL, cos que colabora a Deputación de Lugo

Equigal
Na actividade, que se leva a cabo en tres xornadas, participan 200 escolares de seis centros educativos da provincia co obxectivo de achegalos ao mundo equino

A institución provincial achega 40.000 euros, o 80% do orzamento total, para a celebración do salón ecuestre que se leva a cabo as fins de semana de maio aportando un impulso ao sector primario

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores nos bautismos ecuestres para escolares enmarcados no programa do XV Salón Internacional do Cabalo, EQUIGAL, no que participaron alumnos de 5º e 6º de Primaria do CEIP de Taboada e do Colexio do Sagrado Corazón, en Lugo. Uns 200 alumnos de seis centros escolares da provincia participan estes días nas xornadas para a toma de contacto cos cabalos.

Rivera Capón destacou a importancia desta iniciativa, que se celebra por primeira vez, “xa que esta actividade supón un revulsivo para que os máis pequenos coñezan o mundo do cabalo e tamén lle perdan o medo a estes animais” e sinalou que “deste xeito damos tamén a coñecer o salón ecuestre ás familias da provincia, aumentando o  efecto dinamizador do ocio e da economía”.

A Deputación de Lugo achega 40.000 euros para a celebración de EQUIGAL, o que supón o 80% do orzamento. “Apostamos por esta cita e, en consecuencia, polo mundo do cabalo como unha decisión lóxica e coherente no desenvolvemento de políticas que modernicen o noso sector primario, que o relacionen co mundo do ocio ou da investigación”, sinalou o Deputado. 

Estas xornadas escolares son o paso previo ás probas deportivas que se levarán a cabo as fins de semana de maio a partir deste venres. “O Salón Internacional do Cabalo xera valor engadido e aporta unha proxección nacional e internacional ao noso agro, aumentando ata un 10% a presencia en algunhas probas, unha cifra que demostra que EQUIGAl é unha aposta segura para a nosa provincia”, celebrou Rivera Capón.

Esta cita concentrará o Concurso Nacional de Salto de Obstáculos Cidade de Lugo, o V Concurso de Cabalos de Pura Raza Árabe, o XV Concurso Internacional de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, o Concurso Morfolóxico de Cabalos de Pura Raza Galega, así como unha Proba de Enganches que entra dentro da categoría de Xogos Ecuestres Federados. Ademais, está prevista a celebración de actividades gratuítas de iniciación ao mundo ecuestre dirixidas a escolares de quinto e sexto de Primaria.

O Salón Internacional do Cabalo de Galicia é, dende o 2008, unha cita ecuestre de referencia do noroeste de España. A pasada edición de EQUIGAL recibiu a máis de 9.500 visitantes, a pesar de contar con un aforo limitado ao 80% a causa da pandemia, e acolleu preto de 250 exemplares.