Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente asina o contrato para a construción do Centro de Maiores da Pobra do Brollón, cun orzamento de 1,5M€

Pobra de Brollón
centro de maiores
José Tomé subliña que a Deputación de Lugo “cumpre cos compromisos que temos adquiridos coa veciñanza da provincia para seguir acercando os servizos públicos ao rural, avanzando nun dos piares do Goberno da Deputación, como son os servizos sociais”

O prazo de execución é de 9 meses unha vez se inicien as obras. A institución provincial tivera que iniciar un novo proceso de licitación para estas obras logo de que o anterior contrato tivera que resolverse porque a empresa incumprira as condicións

Esta dotación social ofrecerá unha atención de calidade e favorecerá o arraigo dos residentes, á vez que creará emprego sostible xerando unha importante actividade económica na zona

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este xoves o contrato coa empresa que resultou adxudicataria das obras de construción do Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón, Sergonsa Servicios SL. O orzamento ascende a 1.502.270€ para construír a residencia que contará con 30 prazas. 

O prazo de execución dos traballos é de 9 meses unha vez se inicien as obras. A institución provincial tivera que iniciar un novo proceso de licitación para estas obras logo de que o anterior contrato tivera que resolverse porque a empresa incumpriu as condicións e non iniciou os traballos. 

“Asinamos este contrato dentro dos compromisos que temos adquirido coa veciñanza da provincia para seguir acercando os servizos públicos ao rural, avanzando nun dos piares do Goberno da Deputación, como son os servizos sociais”, subliñou o Presidente, quen asegurou que a institución impulsa deste xeito unha dotación social que ofrecerá unha atención de calidade e favorecerá o arraigo dos residentes, pois poderán permanecer no lugar no que fixeron a súa vida, convivindo cos seus veciños e veciñas. Así mesmo, esta residencia creará emprego sostible e de calidade, á vez que se xera unha importante actividade económica na zona. 

Nove residencias abertas neste mandato

Mostra da intensidade do traballo que desenvolve a Deputación para cumprir cos compromisos cos concellos en materia de residencias é que, só no que vai de mandato, abriu catro novos centros de maiores, na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira, que se suman aos tres que xa estaban en marcha, en Trabada, Ribadeo e Pol. Ademais, neste ano a institución ten previsto abrir as residencias de Ribas de Sil e Navia de Suarna, co que a finais deste mandato, serán un total de 9 os centros de maiores da rede pública da Deputación en funcionamento. Así mesmo, continúa traballando no resto de proxectos, como os da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Ferreira de Pantón.