Deputación de Lugo
Economía
Infraestruturas

A Deputación inviste máis de 355.000€ na mellora da estrada provincial que une O Páramo coa Pobra de San Xiao

O Páramo
A Xunta de Goberno aprobou unha modificación do proxecto de renovación da vía para garantir un mellor servizo aos veciños e veciñas tras detectarse problemas nas tubaxes existentes

A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, informou de que a Xunta de Goberno aprobou este venres a redacción dunha modificación do proxecto das obras de mellora da estrada que une a Pobra de San Xiao co Páramo, a LU-P-4304, nas que as institución investirá un total de máis de 355.000€. 

As obras execútanse entre os puntos quilométricos 5,2 e 5,4, e tamén tramo antigo da LU-P-2904. García Porto explicou que “unha vez iniciadas as obras detectáronse problemas nas tubaxes existentes, polo que, debido a esta situación sobrevida, é preciso actuar para mellorar a rede de abastecemento de augas e a rede de pluviais. Por iso, antes de realizar as beirarrúas, faranse estas actuacións para dar un mellor servizo á veciñanza”. A modificación ten un custe estimado de preto de 60.000€, polo que a Deputación investirá algo máis de 355.000€ no conxunto destas obras. 

O proxecto consiste no movemento de terras necesario para escavar a zona das beirarrúas, tamén na pavimentación de aglomerado en quente, faranse beirarrúas de formigón, e dotarase de sinalización e de alumeado público. 

Por outra banda, en materia de contratos na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse sacar a licitación por un importe de 43.560€ dun contrato para o servizo de valoracións de bens e dereitos da Deputación que sexan obxecto de diferentes procedementos que desenvolvan os servizos de Patrimonio e Xestión Tributaria, Recadación e Inspección da Deputación. Servirá para, por exemplo, cando haxa algunha alteración de cualificación xurídica, cando se adquira un título, alleamento, explotación de bens demaniais ou un desafiuzamento administrativo, entre outros casos. 

Remanentes Plan Único 2021
A Xunta de Goberno aprobou a solicitude dos concellos de Trabada, Cervantes e O Páramo para investir remanentes do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2021 en novas actuacións. No caso de Trabada, o Concello destinará preto de 28.000€ á  rexeneración do pavimentos dos accesos a Vilarbetote, A Rabexa e Dongo.  En Cervantes investiranse algo máis de 15.000€ na mellora de camiños en Riamonte de Abaixo, e no Páramo, cuns remanentes de case 13.200€, acondicionarase o acceso a Castro de Neira.