Deputación de Lugo
Economía
Emprego
Turismo

O Presidente asiste en Madrid á estrea nacional de Live is Life, do lucense Dani de la Torre e coa que colabora a Deputación

Live is Life
dani de la torre
cine
turismo
José Tomé Roca participou na proxección do filme, que tivo a Ribeira Sacra como un dos principais escenarios de rodaxe. A institución provincial colaborou cunha achega de 100.000€ dentro do seu compromiso co apoio á industria audiovisual e co impulso dun turismo sostible e de calidade

A cinta proxectouse en Kinépolis Ciudad de la Imagen coa presenza do director e do equipo técnico, e a partir deste venres poderaa ver o público en xeral no resto de salas de cine

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este luns á estrea nacional da película Live is Life, do lucense Dani de la Torre, un pase que acolleron os cines Kinépolis Ciudad de la Imagen, en Madrid, e no que, xunto ao director, tamén estivo o equipo técnico e artístico do filme. 

José Tomé felicitou a Dani de la Torre e a todas as persoas implicadas na produción Live is Life, que tivo a Ribeira Sacra entre os principais escenarios de rodaxe. Ademais, auguroulle moitos éxitos nas grandes pantallas, ás que chegará Live is life a partir deste venres, 3 de xuño. 

A institución provincial colaborou, cunha importante achega de 100.000€, na rodaxe e produción da longametraxe. Esta axuda forma parte do compromiso mantido pola Deputación co apoio da industria cinematográfica e dun turismo de calidade e sostible a través da promoción do territorio. “Na última década, a Deputación colaborou con máis de 30 producións audiovisuais, o que demostra o noso claro apoio á industria audiovisual lucense e galega”, destaca José Tomé.

Así mesmo, lembra que a Deputación ten en marcha o proxecto Lugo, provincia de Cine co que pretende consolidar “un modelo de turismo sostible, non masificado, cunha oferta de calidade e diversificada, vinculado coa natureza, o patrimonio cultural, a historia e a gastronomía”, incorporando “ás múltiples opcións” existentes na actualidade “o turismo ligado ás rodaxes, buscando a complicidade da ilusión, o dinamismo e a maxia que sempre suxire a produción audiovisual”, explica o Presidente.

O mandatario provincial apunta neste sentido que a Deputación mantén “un apoio decidido ao audiovisual, unha aposta pola cultura e pola economía, cun sector que non deixa de medrar. Pero tamén estamos convencidos de que a presenza de paisaxes da nosa provincia nas salas, nos festivais e nas plataformas audiovisuais constitúe unha vía moi interesante e frutífera para a promoción do territorio”. Desta forma, asegura o Presidente, “o turismo convértese nun factor de equilibrio territorial, nun sector capaz de xerar emprego de calidade que permita á mocidade do rural desenvolver proxectos de vida nos seus lugares de orixe porque, ao igual que o cine é un diálogo entre o creador e os espectadores, o turismo é un encontro entre o que chega e o que vive habitualmente nun lugar”.

A Ribeira Sacra, protagonista
Tomé Roca salientou que o filme proxecta a espectacularidade das paisaxes da Ribeira Sacra, “onde se rodou a gran maioría da película, incluíndo localizacións de Monforte de Lemos, O Saviñao, Sober, Pantón ou Quiroga”. O mandatario provincial salienta o orgullo que supón para a provincia de Lugo “amosar a nosa riqueza patrimonial e paisaxística da nosa provincia, que aínda é unha gran descoñecida para moita xente”.

Live is Life
Live is Life, dirixida por Dani de la Torre e baseada nunha historia orixinal de Albert Espinosa, traslada ao espectador á noite de San Xoán a mediados dos anos 80 para narrar a historia dun grupo de cinco nenos nun pequeno pobo de Galicia. O director é xa un recoñecido cineasta e un dos embaixadores da provincia de Lugo, que tamén foi escenario no ano 2017 da súa película la Sombra de la Ley.