Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación comezou hoxe o desbroce dos 4.200 quilómetros de estradas provinciais

Rede provincial de estradas
A institución destina máis de 1M€ a uns traballos que desenvolve de maneira simultánea nas 24 zonas nas que divide a rede viaria provincial para actuar dun xeito máis eficiente

As rozas mellorarán a seguridade viaria e a comodidade dos condutores, ademais de favorecer a prevención de incendios durante o verán

A Deputación de Lugo comezou este mércores, 1 de xuño, os traballos de desbroce nos máis de 4.200 quilómetros de estradas provinciais, aos que destina máis de 1M€ nesta anualidade. As rozas arrincan de forma simultánea nas 24 zonas nas que está dividido o contrato da rede viaria dependente da institución para levalo a cabo dun xeito máis eficiente.

Con estas tarefas, a Deputación mellorará a seguridade viaria e a comodidade dos condutores, ademais de favorecer a prevención de incendios durante o verán. 

As 24 zonas nas que está dividida a rede provincial para desenvolver os desbroces son as seguintes:
- Zona 1: O Vicedo, Viveiro, Xove e Ourol. 
- Zona 2: Burela, Cervo, Foz, O Valadouro e Alfoz. 
- Zona 3: Muras, Xermade e Vilalba.
- Zona 4: Barreiros, Ribadeo, Trabada e Lourenzá.
- Zona 5: Mondoñedo e Abadín.
- Zona 6: A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza.
- Zona 7: Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz e Begonte.
- Zona 8: Castro de Rei, Pol e Meira.
- Zona 9: Lugo e Guntín.
- Zona 10: Castroverde e O Corgo.
- Zona 11: Friol.
- Zona 12: Baleira, Baralla e Láncara.
- Zona 13: Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.
- Zona 14: Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
- Zona 15: Becerreá e As Nogais.
- Zona 16: Cervantes e Pedrafita do Cebreiro.
- Zona 17: Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín e Palas de Rei.
- Zona 18: O Páramo, Paradela e Sarria.
- Zona 19: O Incio, Triacastela e Samos.
- Zona 20: Taboada e O Saviñao.
- Zona 21: Chantada e Carballedo.
- Zona 22: Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil.
- Zona 23: Bóveda, Pobra do Brollón e Monforte de Lemos.
- Zona 24: Pantón e Sober.

Prioridade

A mobilidade é unha das grandes liñas de actuación da Deputación porque se trata dun factor esencial para favorecer o equilibrio territorial, fixar poboación no rural e dinamizar a economía e o emprego. Nesta liña, o Goberno decidiu subir nun 7%, ata chegar aos 17,3M€, o investimento para estradas no Orzamento deste ano 2022, uns recursos destinados a tarefas de mellora, desbroce, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.