Deputación de Lugo
Formación

O Presidente entrega os diplomas a efectivos da Policía Local de Lugo que recibiron formación organizada pola Deputación

Formación
plan agrupado de formación continua
José Tomé Roca, xunto á Alcaldesa lucense, deulles no Pazo de San Marcos os títulos acreditativos de participación na acción Dinámica e Preparación de Controis Policiais que impulsou a institución provincial dentro do Plan Agrupado de Formación Continua, aberto a traballadores e traballadoras públicos da Deputación e dos concellos

Participaron no curso, homologado pola Academia Galega de Seguridade Pública, 24 axentes da comisaría de Lugo, aos que o Presidente felicitou polo seu compromiso co público e o interese por seguir formándose e, desta forma, ofrecer cada vez mellores servizos á cidadanía

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, entregaron este xoves, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, os diplomas acreditativos de participación aos 24 axentes da Policía Local de Lugo que realizaron o curso Dinámica e Preparación de Controis Policiais, unha acción ofrecida pola institución provincial dentro do seu Plan Agrupado de Formación Continua, que está aberto a traballadores e traballadoras públicos, tanto da Deputación como dos concellos. A titulación está homologada pola AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública).

No acto tamén participaron a Deputada de Ensino, Formación e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

O Presidente felicitou aos axentes polo seu “compromiso co público” e o “interese individual e colectivo por seguir formándose, e desta forma, ofrecer cada vez mellores servizos á cidadanía”.

Neste sentido, José Tomé expresou a súa satisfacción pola “boa resposta dos empregados públicos cando poñemos en marcha unha acción formativa, algo que nos axuda a seguir mellorando, entre todos, os servizos públicos que dende as administracións ofrecemos aos veciños e veciñas da nosa provincia”.

Ademais, o mandatario provincial aproveitou para felicitar á Policía Local de Lugo polo seu 160 aniversario, por “máis de século e medio de servizo e dedicación á seguridade e a atender aos habitantes da cidade, dende a proximidade e o coñecemento da realidade dos veciños e veciñas”. Lembrou que a Deputación “só é un pouco máis vella que a Policía Local de Lugo, só uns 40 anos máis, e compartimos esa vocación de servizo aos cidadáns e, dun xeito especial, unha vocación de cooperación cos concellos”. 
O Plan Agrupado de Formación Continua do que forma parte este curso, dixo o Presidente, “é un bo exemplo desa ampla colaboración que a Deputación mantén cos concellos, económica, pero tamén técnica e formativa”. Explicou que as accións deste plan “atenden a materias de orde moi diverso, pero buscan un obxectivo común: contar cuns servizos públicos de calidade, modernos, que poñan no centro da súa actuación aos cidadáns, como fan os axentes que traballan na Policía Local de Lugo e de toda a provincia”.

O Plan Agrupado de Formación Continua da Deputación incluíu o pasado ano un total de 21 accións diferentes, centradas nas áreas de administración electrónica, xurídico-procedimental, novas tecnoloxías, transparencia e boa gobernanza, igualdade, prevención e responsabilidade social relacionada co medio ambiente, entre outras.