O Presidente valora o inicio das obras da rotonda da N-VI en Lugo porque a mobilidade “mellora a vida da xente e o dinamismo económico” da provincia
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2022-06/020622%20Inicio%20obras%20glorieta%20N-VI%20Alfonso%20X%20%283%29.jpg)
A institución cedeu terreos para construír a infraestrutura, “un exemplo claro do bo resultado que ten para a cidadanía a colaboración entre institucións”, manifestou o mandatario provincial
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este xoves o inicio dos traballos de construción dunha rotonda na estrada N-VI, á altura do enlace coa rúa Alfonso X O Sabio da capital lucense. Unha visita que tivo lugar no propio lugar dos traballos, e que contou coa presenza do Delegado do Goberno do Estado en Galicia, José Miñones, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera.
José Tomé indicou que para a Deputación de Lugo “é unha gran satisfacción que comecen estas obras, tan esperadas e tan importantes para mellorar a mobilidade na cidade Lugo e, polo tanto, a calidade de vida da xente e o dinamismo económico da nosa provincia”. A Deputación colaborou co proxecto que impulsa e financia o Goberno central coa cesión de terreos ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
O mandatario provincial puxo o foco en que este é un proxecto que beneficiará aos veciños e veciñas da capital, pero tamén aos do resto da provincia, “polo carácter estratéxico desta estrada e deste punto en concreto, que é un nó de comunicacións que distribúe o tráfico cara a cidade e cara o resto da rede de estradas que discorren pola provincia”.
Salientou así mesmo que a mellora da mobilidade é un factor esencial para o desenvolvemento social e económico dun territorio. “É esencial para fixar poboación, para afrontar o reto demográfico e para o dinamismo económico. A mobilidade fai competitivo a un territorio, facilita o turismo, o tráfico de mercadorías, e o desprazamento de profesionais e de empresas que levan a súa oferta de servizos alí onde se demanda”.
Para o Presidente da Deputación “mobilidade” e “futuro” van sempre da man, dixo. “Precisamente por iso, a mobilidade é unha das grandes liñas de actuación que impulsamos dende a Deputación de Lugo, unha prioridade á que dedicamos un terzo do Orzamento anual da institución”. Lembrou, en concreto, que a ese esforzo cómpre sumar a colaboración que dende a institución provincial se presta aos concellos para mellorar vías municipais a través do Plan Único e doutros acordos, e a colaboración que se fai con outras administracións, como neste caso, co Goberno de España.
Cooperación entre institucións
Estamos ante un exemplo claro do bo resultado que ten para a cidadanía a cooperación entre institucións. “Hoxe estamos aquí, representantes do Goberno de España, do Concello de Lugo e da Deputación. Representantes de tres administracións públicas que camiñamos da man para sacar adiante esta infraestrutura: a Deputación e o Concello aportando os terreos e o Goberno de España, aportando o financiamento e a execución do proxecto”, indicou Tomé Roca.
Exemplificou tamén, que hai uns días a Alcaldesa de Lugo e el comprobaron “outro bo resultado da cooperación entre institucións en materia de mobilidade: o desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, a entrada á cidade de Lugo dende a parte norte da provincia”. Neste caso, explicou, o Concello impulsou o proxecto e aportou os terreos, e dende a Deputación finánciase e acométense as obras, que están a punto de terminar.
Compromiso do Goberno coa provincia
O Presidente asegurou que a rotonda da N-VI “é unha mostra clara do compromiso do Goberno de España coa provincia de Lugo”. Dixo, nese sentido, que “o inicio destas obras demostra, unha vez máis, que o Goberno do Estado situou á provincia de Lugo no mapa dos investimentos e das infraestruturas, despois dos anos de total abandono ós que nos someteu o anterior Goberno. Uns anos durante os que proxectos fundamentais para o futuro da provincia de Lugo estiveron parados, ralentizados ou que directamente foron eliminados”.
“Como Presidente da Deputación, gustaríame encontrar na Xunta de Galicia o mesmo nivel de atención e de compromiso pola provincia de Lugo que está demostrando o Goberno central. Gustaríame que a Xunta escoitase as demandas da provincia coa mesma atención que lle presta o Goberno, e que asumise as súas competencias co mesmo nivel de compromiso”, indicou. “Pola nosa parte, dende a Deputación de Lugo seguiremos impulsando políticas e accións que melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas, e que impulsen a actividade económica da provincia, ben directamente ou ben en colaboración con outras administracións, como fixemos neste caso co Goberno do Estado”.