Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente participa na Festa da Cereixa, o Viño e o Aceite de Ribas de Sil, coa que colabora a Deputación

XVII Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil
Ribas de Sil
A institución provincial achega máis de 6.600€ a través do Plan Único 2022 para a celebración desta cita que se recupera este ano tras dous anos de pandemia e que incorpora ao sector vitivinícola

José Tomé Roca sinalou a importancia deste evento, “un exemplo máis do peso que o sector primario ten na nosa provincia, que pon en valor o patrimonio gastronómico que temos e que xera un efecto multiplicador que axuda a fomentar tamén o sector servizos”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este domingo na 18ª edición da Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite, que se celebrou no concello de Ribas de Sil. A cita, que recupera o pulso tras dous anos de suspensión por mor da pandemia e que por primeira vez incorpora o produto dos adegueiros e adegueiras da contorna, conta cunha achega da institución provincial de 6.637 euros a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2022.

Tomé Roca destacou a importancia deste evento, “un exemplo máis do peso que o sector primario ten na nosa provincia, que impulsa o patrimonio gastronómico que temos e que xera un efecto multiplicador que axuda a fomentar tamén o sector servizos”. 

Valorou o mandatario provincial, como un acerto, que a festa incorpore o viño este ano e sinalou que se trata “dun escaparate máis de promoción dos caldos da Ribeira Sacra e para o enoturismo desta comarca”. Engadiu que “o turismo vinícola é un gran aliado da promoción do territorio, un reclamo que atrae visitantes á zona e que, polo tanto, axuda a fomentar a actividade da hostalería, do turismo e do comercio local.

O sábado tivo lugar a apertura do recinto, con degustación de cereixas, exposición de pinturas e a inauguración do Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana e un concerto a cargo de Parentes. Hoxe terá lugar un pasarúas a cargo dos Caliqueños, a lectura do pregón por Alejandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, e diferentes actuacións musicais para amenizar a xornada.