Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente anuncia o inicio das obras do Centro de Maiores que a Deputación construirá na Pobra do Brollón

benestar
rede de centros de atención a maiores
centro de maiores
A Pobra do Brollón
José Tomé Roca explicou este mércores os detalles desta nova residencia, logo de que os técnicos da institución provincial e a empresa adxudicataria asinaran a acta de replanteo que marca o comezo dos traballos, previsto para as vindeiras semanas

A Deputación destina un investimento de 1,6M€ á construción da residencia nunha parcela situada na Avenida de Outeiro, seguindo o mesmo modelo asistencial público que os 7 centros que a día de hoxe ten en funcionamento a institución provincial

Esta dotación social contará con ata 38 prazas de residencia, onde terá preferencia a veciñanza da Pobra do Brollón. O edificio será de planta baixa en forma de L cun pequeno semisoto e unha superficie construída de 1.779 m2

O novo centro terá unha importante función social, ao garantir o benestar e o arraigo dos maiores, e tamén función económica, coa creación de 25 empregos directos e un retorno para os negocios da zona

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este mércores xunto ao Alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda Vilariño, que as obras do Centro de Atención a Maiores que a institución provincial construirá na localidade comezarán nas vindeiras semanas. Así o manifestou ante a parcela na que se levantará esta dotación social na Avenida de Outeiro, onde os técnicos da Deputación e da empresa adxudicataria dos traballos asinaron a acta de replanteo, trámite previo ao comezo dos traballos. 

“Hoxe é un día importante para A Pobra do Brollón e para a provincia de Lugo, dende a Deputación de Lugo cumprimos o compromiso que tiñamos co Concello e cos veciños e veciñas da Pobra do Brollón para crear aquí unha residencia, un servizo público que, sen dúbida, marcará un antes e un despois na vida desta localidade”, afirmou Tomé Roca. 

Tamén manifestou que lle tería gustado que as obras comezaran antes, pero que por motivos alleos á institución provincial non foi posible. “A empresa que resultou adxudicataria nun primeiro momento renunciou a facer as obras, polo que tivemos que volver a sacar unha nova licitación, por suposto, respectando os tempos que debe seguir un proceso público, pero facendo todo o posible para que a tramitación fose o máis áxil posible”, explicou. “Toda esa vontade e traballo é o que nos permite estar hoxe aquí coa sinatura da acta de replanteo das obras do Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón”, subliñou.

O Presidente detallou que “para sacar adiante este proxecto, a Deputación de Lugo inviste 1,6M€, aos que hai que engadir a parte do Concello, que chega a uns 200.000€, ademais da aportación dos terreos”, concretou. Este investimento destínase ás obras de construción da residencia, pero tamén incluíu a redacción do proxecto e as licenzas, entre outros trámites administrativos que son necesarios. 

Un modelo público centrado nas persoas que crea emprego no rural
O Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón contará con ata 38 prazas de residencia. José Tomé Roca concretou que se creará seguindo o modelo propio que ten a Deputación de Lugo para a súa rede de residencias provinciais, que difire do sistema da Administración autonómica. “Son centros públicos cunha xestión pública e con prazas 100% públicas e polo tanto, o noso modelo pon no centro ás persoas, tendo como único obxectivo prestar a mellor atención posible aos usuarios e usuarias, sen buscar o negocio nin a rendibilidade económica”. 

Á súa vez, o Presidente tamén especificou que as residencias da Deputación garanten o arraigo porque se dá prioridade no acceso ás prazas ás persoas do concello no que se asentan os centros. “É dicir, os veciños e veciñas da Pobra do Brollón serán os primeiros que poderán solicitar no seu día praza no centro que construiremos aquí”, explicou. Concretou que as residencias da Deputación tamén garanten o arraigo porque “son centros de pequeno tamaño, cunha media de 30 prazas e con 25 traballadores que normalmente son do propio concello ou da comarca. Ademais, estes centros están integrados nos pobos e nas vilas, cerca doutros servizos públicos e dos lugares nos que os veciños desenvolven o seu día a día, como sucede aquí na Pobra do Brollón”.

En terceiro lugar, Tomé Roca puxo o foco en que o modelo de residencias da Deputación crea emprego, sobre todo feminino, que é fundamental para fixar poboación, e xera actividade económica. “Con cada centro, creamos unha media de 25 novos postos de traballo, ademais de empregos indirectos e de actividade económica. Por exemplo, os produtos para a cociña serán de produtores de proximidade, pero tamén a farmacia, a hostalería ou o comercio notarán ese aumento de actividade económica co funcionamento da residencia”. Incidiu en que “na Deputación de Lugo temos un modelo eficaz para as persoas e eficiente para as economías locais”.

7 centros abertos
O Presidente lembrou que no que vai de mandato, a Deputación de Lugo abriu catro novos centros de maiores na provincia -na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira-, que se suman aos tres que xa estaban en marcha -en Trabada, Ribadeo e Pol-. Ademais, ratificou a previsión de abrir dúas novas residencias, en Navia de Suarna e Ribas de Sil. “Polo tanto, estamos a falar de que, ao acabar este mandato, teremos abertos un total de nove centros de atención a maiores”. 

Incidiu tamén en que a institución provincial segue a traballar no resto dos proxectos comprometidos, coma este da Pobra do Brollón, e os da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Ferreira de Pantón. 

“É unha evidencia que superamos á Xunta de Galicia en número de residencias públicas na provincia de Lugo porque ten catro e nós, a día de hoxe, xestionamos sete centros”, afirmou Tomé Roca. Neste sentido, subliñou que “a competencia en materia de servicios sociais é, por Lei, da Administración autonómica” e que, a pesar diso e de que ten 120 veces máis orzamento que a Deputación, a Xunta “non está colaborando nin na construción nin para o funcionamento destes centros provinciais”. 

Un dos proxectos máis importantes da última década na Pobra do Brollón
Pola súa banda, o Alcalde subliñou que “estamos diante dun dos proxectos máis importantes da última década para A Pobra do Brollón. O orzamento que se vai investir nesta residencia é máis que o orzamento que ten o Concello anualmente para o seu funcionamento. É un sacrificio importante para os veciños e para o Concello que colaboramos poñendo 200.000 euros máis o terreo”.

“Dende o punto de vista social, é unha oportunidade para que a xente maior que precisa dunha residencia na última etapa da súa vida poida quedarse no seu concello. Ademais, a residencia vai dinamizar a economía local e axudar a fixar poboación, algo vital para un concello rural como o noso”, asegurou o rexedor da Pobra do Brollón.

“Como Alcalde”, engadiu, “quero agradecer que a Deputación mantivera eses compromisos que se produciron ao longo dos xa once anos que levamos dende o Concello loitando pola residencia. Reconforta e satisfai ver que por fin se materializa este logro”.

Características
A residencia da Pobra do Brollón construirase nunha parcela situada na Avenida de Outeiro, ao carón do centro de día do municipio. Será un edificio disposto en dous bloques compactos en forma de L en planta baixa, cun pequeno semisoto e unha superficie construída de 1.779 m2. Terá capacidade para un máximo de 38 prazas de residencia. 

Contará con catro áreas diferenciadas: a área residencial, a área de dirección e administración, a área de servizos xerais e a de atención especializada. Na área residencial atoparanse os dormitorios, as zonas de convivencia e espazos diáfanos. Na área de dirección e administración, que se atopará no recibidor de entrada, será onde estean os despachos e onde se reciban ás persoas de fóra do centro. Na área de servizos estará a cociña, o comedor, os corredores e o soportal exterior; e no semisoto ubicarase a lavandería e os locais de mantemento e seguridade. A cuarta área será a de atención especializada, onde se integrará o despacho médico, a sala de curas, dúas habitacións de enfermaría, e un baño asistido. A área de rehabilitación situarase nun local independente próximo a zona de recepción.