Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación reparará o firme da estrada provincial que une Miranda, Cellán de Mosteiro, A Pumarega e San Xulián de Pereiramá en Castroverde

Castroverde
Rede provincial de estradas
A institución provincial ten redactado o proxecto e está tramitando o contrato para executalo, coa previsión de iniciar as obras nun prazo aproximado de tres semanas

Os traballos, cun orzamento de 45.000€, afectarán a máis de 11 quilómetros da LU-P-1201, e consisten na reparación e repavimentación de baches, mordentes, afundimentos e defectos similares, así como as zonas degradadas que presenta a estrada

A Deputación de Lugo reparará o firme de máis de 11 quilómetros da estrada provincial LU-P-1201, que une os núcleos de Miranda, Cellán de Mosteiro, A Pumarega e San Xulián de Pereiramá, no concello de Castroverde. A institución provincial ten redactado o proxecto e está tramitando o contrato para executalo, coa previsión de que as obras comecen nun prazo aproximado de tres semanas.

Os traballos teñen un orzamento de 45.000€ e afectarán ao treito da vía comprendido entre os puntos quilométricos 3,8 e 14,9. O proxecto inclúe a execución das seguintes tarefas:


- Reparación de baches, mordentes, afundimentos e defectos similares mediante o recrecido dos mesmos con madacam do tamaño axeitado e a aplicación dun triple tratamento superficial, de rego con gravilla tripaca.
- Repavimentación de zonas degradadas mediante a execución dun dobre tratamento superficial, de rego con gravilla bicapa.
- E repavimentación de zonas con maior degradación, e mesmo perda de árido como peladuras, mediante a execución dun triple tratamento superficial, de rego con gravilla tripaca.

Estas melloras son moi relevantes porque a vía dá servizo a numerosos veciños e veciñas que transitan por esta estrada a diario, así como a explotacións gandeiras e empresas da zona.

O proxecto tamén contempla melloras noutra estrada de Castroverde. Trátase da LU-P-1204, que une os núcleos de Bolaño, Bitureiro e Outeiro, no treito comprendido entre os quilómetros 4 ao 4,2.

Estímase que será necesario e suficiente o prazo dun mes para a correcta e completa execución destas obras. O resultado destes traballos vai reverter na seguridade viaria da veciñanza, ademais de beneficiar a súa comodidade ao poder circular por un firme rehabilitado sen as deterioracións que presenta actualmente a estrada polo paso do tempo. 
 
A Deputación de Lugo ten como un dos eixos de goberno a mellora da mobilidade na provincia. Estas obras son significativas para esta comarca, xa que as actuacións redundarán directamente no obxectivo que se marca a institución de camiñar cara o equilibrio territorial, imprescindible para o futuro do rural lucense.

Máis de 800.000€ nesta vía
A Deputación de Lugo, con esta nova actuación, leva investido nos últimos anos máis de 800.000€ nesta estrada provincial. Unha delas foron os traballos de ensanche e mellora 
no tramo que une os núcleos de Coto, no Corgo, e Agustín, en Castroverde, nas que  a institución provincial investiu 378.000€. As obras afectaron a 1,5 quilómetros, e consistiron no movemento de terras, a drenaxe transversal mediante a reposición das cunetas con tubos de formigón, a pavimentación con aglomerado en quente, e a sinalización horizontal e vertical, así como o balizamento e a limpeza de cunetas.

Así mesmo, este proxecto contemplou a construción dunha nova ponte sobre o río Postigo cun marco prefabricado de 16,5 metros de lonxitude, que se atopa no quilómetro 10,3, cunha obra de fábrica de mampostería. Con esta actuación resolveuse un problema que se arrastraba dende o ano 2003, cando se expropiaron os terreos para acometer estas actuacións. Con esta obra vense a diario beneficiados de maneira directa moitos veciños e veciñas, xa que a vía articula os concellos de Baralla, O Corgo e Castroverde, dando servizo a 7 parroquias deste último municipio.

Outra das obras que a Deputación executou nesta mesma estrada provincial, a LU-P-1201, foron as que incluíron a mellora e ensanche doutro tramo, de máis de dous quilómetros, entre Souto de Torres e o polígono industrial de Castroverde, unhas obras que contaron cun investimento de 380.000€.