Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación comeza novas obras de mellora da estrada que conecta Vilachá coa Estación da Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón
Rede provincial de estradas
A institución provincial inviste 82.280€ no arranxo de 8 quilómetros da vía LU-P-4702, que transcorre por Rozabales, nas que se acometerán traballos de mellora que consistirán na reapertura de cunetas e a pavimentación e a sinalización horizontal


A Deputación de Lugo comezou este venres novos traballos de acondicionamento de oito quilómetros da estrada provincial LU-P-4702, que conecta Vilachá coa Estación da Pobra do Brollón por Rozabales. As actuacións, que contan cun orzamento de 82.280€, lévanse a cabo entre o punto quilométrico 2,570 ata o 10,400, e consisten na reapertura de cunetas e posterior pavimentación e sinalización horizontal.

Con estas obras, e tras a renovación xa acometida entre os puntos 1,200 e 2,400, a estrada quedaría rehabilitada practicamente na súa totalidade, dende o punto quilométrico 1,200 ao 10,400. Estas actuacións mellorarán as comunicacións dos veciños e veciñas de Vilachá de Salvadur, Airexa e Salgueiros.

As actuacións que se realizan na LU-P-4702 enmárcanse na liña de traballo da Deputación de Lugo de mellorar a rede viaria provincial, a máis extensa de España, necesarias para mellorar a calidade de vida da veciñanza e, ao mesmo tempo, favorecer a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial, especialmente no rural.