Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación arranca as obras de mellora de tres estradas provinciais en Pantón cun investimento de 170.000€

Pantón
Rede provincial de estradas
O proxecto consiste na rehabilitación integral do firme en treitos das vías LU-P-4110, que conecta Arribada, na parroquia de San Fiz de Cangas, con Budián, en San Romao de Acebre; LU-P-4111, que comunica Santiago de Castillón desde Ferreira de Pantón; e LU-P-4114, que une Mañente con Augas Santas, pasando por Toldaos

A Deputación de Lugo acaba de comezar os traballos de mellora do firme de tres estradas provinciais que transcorren polo termo municipal de Pantón. Unhas actuacións nas que inviste preto de 170.000€ e que benefician á LU-P-4110, LU-P-4111 e LU-P-4114.

As obras consisten na rehabilitación integral do firme destas estradas en treitos que suman en total 18 quilómetros e o prazo de execución é de 5 meses, aínda que se poderían rematar antes se as previsións meteorolóxicas son favorables.

Por unha banda, as actuacións desenvólvense na LU-P-4110, que conecta Arribada, na parroquia de San Fiz de Cangas, con Budián, en San Romao de Acebre, nun tramo de algo máis de 5 quilómetros, entre os puntos quilométricos 0 e 5,051. 

Por outra banda, as obras tamén benefician á vía LU-P-4111, que comunica Santiago de Castillón desde Ferreira de Pantón, nun tramo de máis de 9 quilómetros, entre os núcleos de Santa Mariña de Eiré e Marce. Neste caso mellórase o treito comprendido entre o quilómetro 0 e o 9,294.

A terceira das vías provinciais incluídas neste proxecto é a LU-P-4114, que une Mañente con Augas Santas, pasando por Toldaos, nun treito de preto de 4 quilómetros, entre os puntos quilométricos 0 e 3,539.

A Deputación subliña a importancia destas actuacións porque son vías moi utilizadas a diario polos veciños e veciñas do concello de Pantón e de localidades limítrofes, e que contribuirán á mellora das comunicacións na Ribeira Sacra. Precisamente, a mobilidade é unha das grandes liñas de actuación que impulsa a institución provincial como unha prioridade á que dedica un terzo do Orzamento anual. Un esforzo económico que se ve reforzado por outras colaboracións que establece a Deputación cos concellos para acondicionar vías municipais a través do Plan Único e doutros acordos.