Deputación de Lugo
Formación

A Deputación participa no recoñecemento aos mellores estudantes de FP de Galicia

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo no acto de recoñecemento aos estudantes que acadaron os mellores expedientes dos centros de Formación Profesional de Galicia, a través do programa da Universidade de Santiago de Compostela A Ponte entre o Ensino Medio e a USC. Rivera Capón valorou esta iniciativa como “unha ferramenta importante, coa que a universidade pública opta por saír ao encontro dos estudantes e darse a coñecer dun xeito moderno e dinámico, o que resulta moi enriquecedor para o ámbito universitario e para o da Formación Profesional”. O Deputado destacou o apoio da institución provincial á USC, especialmente ao Campus de Lugo, co que colabora dende o seu nacemento. “Mantemos un compromiso co ensino público, universal e de calidade como unha ferramenta imprescindible para a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento social e económico sostible e equilibrado”, asegurou Pablo Rivera.