Deputación de Lugo
Economía
Infraestruturas

A Deputación adxudica a explotación do restaurante do Mazo de Santa Comba e do Club Náutico de Ponte de Sil

Xunta de Goberno
concesión
Mazo de Santa Comba
Ponte do Sil
A Xunta de Goberno acordou este venres estas dúas concesións, que se farán efectivas unha vez que os adxudicatarios depositen unha cantidade económica como garantía e se asine un acordo para formalizar as obrigas

García Porto: “Con este concurso público non buscamos obter unha renda económica, senón unha rendibilidade social e turística. Queremos promover o seu uso e manter activas estas dependencias provinciais para que sexan aproveitadas pola cidadanía”

Aprobada de maneira provisional a listaxe de asociacións beneficiarias da liña de axudas que convocou a institución provincial por un importe total de 83.000€ para impulsar as Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou este venres a adxudicación da explotación do restaurante do Mazo de Santa Comba, en Lugo, e do Club Náutico de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, dúas instalacións de titularidade da institución provincial. Así o explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen concretou que a concesión é por dous anos, con posibilidade de dúas prórrogas anuais, é dicir, un máximo de catro anos.

A Deputada detallou que os adxudicatarios poderán facer uso das instalacións tras depositar unha cantidade económica como garantía e asinar un acordo para formalizar obrigas, “polo que esperamos que en pouco tempo estes servizos xa estean a disposición da cidadanía e axuden a promocionar o territorio e a dinamizar a economía”, explicou. No caso do Mazo de Santa Comba, o prezo mensual que debe abonar o adxudicatario é de 450€, que significarán 5.400€ ao ano, e en Ponte do Sil, o prezo é de 502,50€ ao mes, é dicir, 6.030€ ao ano. 

“Con este concurso público a Deputación non busca obter unha renda económica, senón unha rendibilidade social e turística. O que queremos é promover o uso e manter activas estas dependencias provinciais para que sexan aproveitadas pola cidadanía. Somos conscientes de que, tanto o Mazo de Santa Comba, como o Club Náutico de Ponte do Sil están situados en enclaves turísticos atractivos e en auxe, e dende logo, temos claro que o seu funcionamento enriquece a oferta turística da provincia, o que terá un impacto positivo para a economía e o emprego”, explicou García Porto.

Precisamente por este motivo, avanzou, a Deputación volverá a iniciar un procedemento administrativo para adxudicar a explotación das instalacións do Club Náutico de Portomarín, logo de que o concurso público que se convocou quedase deserto porque non se presentou ningunha oferta.

Axudas Reservas da Biosfera
A Xunta de Goberno aprobou tamén, de maneira provisional, a relación de asociacións beneficiarias da liña de axudas que convocou a Deputación de Lugo por un importe total de 83.000€ para impulsar o territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola institución provincial. 

Resultaron adxudicatarias destas subvencións un total de 27 entidades asociativas: 16 da Reserva Terras do Miño, e 11 da Reserva dos Ancares Lucenses.

A Deputación abre agora un prazo de alegacións de 10 días unha vez se publique no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o listado provisional coas propostas admitidas, excluídas e desestimadas.

A voceira socialista do Goberno manifestou que “o obxectivo que buscamos con estas axudas é apoiar dende a Deputación de Lugo ao tecido asociativo que traballa nas Reservas para que poida desenvolver actuacións e proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios”. Deste xeito, detallou a Deputada, “contribuímos da man das asociacións ao obxectivo básico que establece a UNESCO cando declara as Reservas, que é coidar e preservar o medio ambiente e, ao mesmo tempo, impulsar o seu desenvolvemento social e económico de maneira sostible”.

Colaboración con Pol e A Pastoriza
Por outro lado, na reunión do Goberno de hoxe aprobáronse dous convenios de colaboración con concellos de Pol e da Pastoriza “para que poidan prestar máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”, explicou Pilar García Porto, “co que respondemos á función esencial da Deputación, que é a cooperación cos concellos”.

No caso do Concello de Pol, aprobouse unha achega económica da Deputación por un importe de 273.000€ para melloras en vías públicas municipais, no campo de fútbol, e para completar e mellorar a rede de abastecemento de auga. En total, faranse 12 actuacións grazas a esta aportación da Deputación, que beneficiarán a centos de veciños e veciñas do concello de Pol.

Polo que respecta ao Concello da Pastoriza, aprobouse unha colaboración da Deputación por importe de 20.000€, destinados ao equipamento das vivendas habilitadas nas antigas escolas unitarias das parroquias de Vián e Reigosa.

Ademais, na Xunta de Goberno deste venres quedou aprobada a convocatoria e as bases específicas para cubrir, mediante concurso oposición, unha praza vacante de ATS para o servizo provincial de Prevención.