Expertos europeos en asesoramento rural visitarán ganderías e empresas de transformación e comercialización co apoio de Medio Rural
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2022-06/Foto%20Monica%20con%20martin%20e%20Fran%20Vicerreitor%20%281%29.jpg)
Medio Rural da Deputación de Lugo apoia a organización do 11º Congreso Internacional de Extensión Rural Europea, que se celebra do 21 ao 25 de xuño en Lugo nas instalacións da Escola Politécnica Superior de Enxeñería (EPSE) e no auditorio da Facultade de Veterinaria.
O encontro, organizado polas redes europeas de asesores rurais IALB, EUFRAS e SEASN xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, reunirá máis de 200 asesores rurais, investigadores e responsables de administracións agrarias de 30 países, que debaterán sobre os desafíos aos que se enfrontan as actividades agrarias e as persoas que as desenvolven nun contexto marcado polas esixencias medioambientais, os cambios na política agraria común ou a dixitalización, dentro do contexto da globalización.
As sesións plenarias, con relatorios e mesas redondas nas que se abordarán estas temáticas, complementaranse con xornadas técnicas de campo durante o xoves 23 de Xuño, nas que as persoas asistentes ao congreso coñecerán distintos proxectos e iniciativas de aproveitamento, transformación e comercialización de recursos agrícolas e gandeiros. A área dirixida por Mónica Freire colabora na organización destas xornadas cunha achega de 3.500 euros. No tocante á provincia de Lugo, ofrécense tres itinerarios para achegar toda a singularidade do tecido produtivo primario: Terras de Lemos, A Montaña e a Terra Chá.
Mónica Freire destacou “a importancia deste Congreso que se realiza con carácter anual e por primeira vez se celebra en España, en gran medida polo impulso da Asociación de Asesores Rurais de Galicia, e que refrenda a necesidadede que o criterio destes profesionais sexan tidos sen conta no deseño do novo modelo de asesoramento de cara ao período 2023-2027 da PAC. Aínda que as competencias están atribuídas á Consellería de Medio Rural, agardamos que sexan conscientes aos importantísimos retos aos que nos enfrontamos no curto e medio prazo, e nas que o asesoramento debe ter un peso determinante na profesionalización, innovación e dixitalización do rural da provincia de Lugo e por extensión de toda Galiza”.
Medio Rural colabora tamén con apoio técnico no deseño da visita á Comarca da Terra Chá, que inclúe visitas ao Centro de Recría Gayoso Castro e á Granxa Experimental en colaboración coa USC, á empresa Innogando de Abadín, especializada no desenvolvemento de aplicacións e programas para monitorizar a saúde dos animais das ganderías, a Granxa Grixeira especializada na produción de leite de vacún, no Arneiro-Cospeito, exemplo de relevo xeneracional e crecemento sostible; e Quescrem Innolact, firma adicada á transformación do leite e a creación de produtos lácteos innovadores.