Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Conta atrás para a Subida á Pontenova, que se celebrará esta fin de semana co apoio da Vicepresidencia da Deputación

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Deportes
SUBIDA Á PONTENOVA
ESCUDERÍA A PONTENOVA
Mónica Freire destacou a “repercusión deportiva e económica” da proba organizada pola Escudería A Pontenova no concello e na contorna

A deputada Mónica Freire participou este mediodía na presentación da novena edición da Subida á Pontenova, que se disputará  a vindeira fin de semana nas estradas do concello, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que achega 7.000 euros á organización do evento, a cargo da Escudería A Pontenova.

A proba, que puntúa para o Campionato Galego de Montaña, conta con 4.8 quillómetros de percorrido pola estrada LU-P-4803,  que sae desde a zona do Camiño da Feira da Pontenova cara a Augaxosa (Riotorto). O trazado pasa polas parroquias de Vilameá, Rececende e Santo Estevo, con puntos especialmente atractivos como o paso polas curvas das Cruces e da Picota e por Vilar das Pedras. A organización ofrece servizo de transporte gratuíto para facilitar a afeccionados e afeccionadas o desprazamento polo percorrido.

A Praza dos Fornos acollerá o parque de custodia, no que se concentrarán os vehículos a partir das 9.30 horas do sábado para realizar as verificacións técnicas e administrativas previas á carreira, que se disputará en catro mangas cronometradas. Dúas na tarde do sábado - a partir das 17.30 - e outras dúas o domingo pola mañá – a partir das 11.30 horas-.

A deputada Mónica Freire saudou “a volta desta proba tras os dous anos de parón pola pandemia” e destacou “a repercusión deportiva do evento, que contribuíu a consolidar a Escudería A Pontenova como un referente do motor na comarca, e tamén económica, xa que este tipo de probas xeneran unha gran actividade na hostelería”.

A proba conta cunha trintena de pilotos anotados, entre eles tres da escudería local. Por primeira vez nesta edición,  retransmitirase en directo a través das redes sociais da Escudería A Pontenova.

A Subida á Pontenova é a segunda gran proba automobilística que se celebra na comarca da Mariña co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ao longo do ano, despois de que en maio se disputase o Rally da Mariña, que puntúa para o Campionato Galego de Asfalto.

A área de Deportes tamén é o principal soporte económico para a organización da Subida a Chantada, que se disputará en xullo, e para o Rally San Froilán. Ademais, cada ano convoca unha liña de axudas a pilotos de rally e colabora na organización do Volante Deputación, un programa deportivo e formativo que ofrece a pilotos noveis a posibilidade de iniciarse na competición.