Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación financia en Samos con máis de 200.000€ a mellora dos accesos e o abastecemento de 10 núcleos rurais

Samos
O Presidente, José Tomé Roca, asinou un convenio de colaboración co Alcalde, Julio Gallego Moure, para renovar a pavimentación das vías municipais que unen Veiga e Sivil, Lulle e San Román, o que dá acceso a Gosende, e as comunicacións interiores de Bustofrío, Lastres e Outonín

Este investimento tamén servirá para realizar obras de mantemento e mellora da traída municipal de augas dos núcleos de Vilaceite e Lamartín

O mandatario provincial pon de manifesto o bo resultado que ten a colaboración entre administracións para a cidadanía, “para mellorar o día a día da xente, sobre todo nun ámbito tan importante como é a mobilidade, que inflúe de maneira determinante na calidade de vida das persoas e na actividade económica”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos co Alcalde de Samos, Julio Gallego Moure, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial destina 205.000€ para financiar integramente diversas actuacións de mellora dos accesos, pavimentación de vías públicas e abastecemento de auga en dez núcleos de poboación. 

Por unha banda, grazas á aportación económica da institución provincial, vaise renovar a pavimentación dos núcleos de Bustofrío, Lastres e Outonín. Tamén se van pavimentar un conxunto de vías municipais: o que une Veiga e Sivil, o que vai de Lulle a San Román, e o que dá acceso a Gosende. Con esta axuda da Deputación, así mesmo, está previsto realizar obras de mantemento e de mellora da traída municipal de augas aos núcleos de Vilaceite e Lamartín. Para todas estas obras é preciso realizar a redacción, a dirección e o plan de seguridade e saúde, que tamén financia a institución provincial. 

As dúas administracións consideran moi importante realizar estas actuacións debido ao desgaste que presenta o firme en todas estas estradas municipais, que ademais presentan anchuras irregulares que imposibilitan que os vehículos poidan circular con normalidade. 

O Presidente da Deputación destaca neste sentido a importancia destes traballos, que beneficiarán a numerosos veciños e veciñas do rural de Samos, que cada día usan estas estradas para desprazarse aos seus lugares de traballo ou para as súas xestións diarias. José Tomé subliña o bo resultado que ten a colaboración entre administracións para a cidadanía, “para mellorar o día a día da xente, sobre todo nun ámbito tan importante como é a mobilidade, que inflúe de maneira determinante na calidade de vida das persoas e na actividade económica”.

Nas súas palabras, o Presidente tamén lembra a importancia de dotar dun servizo básico, como a rede de abastecemento de auga, á veciñanza de Vilaceite e Lamartín. Subliñou que isto responde “ao noso compromiso de cooperar cos 67 concellos da provincia, teñan a cor política que teñan, para que poidan prestar servizos públicos de calidade e eficientes aos seus veciños e veciñas, o que favorece o seu benestar e contribúe a fixar poboación no rural”. “Dotar de servizos públicos aos veciños e promover o emprego sostible é a mellor política demográfica”, recalcou José Tomé.

Con colaboracións como esta de Samos, explicou o Presidente, “estamos demostrando que a Deputación é unha administración fundamental para o funcionamento dos concellos e para a prestación de servizos municipais, sobre todo no caso dos máis pequenos, que son a gran maioría da nosa provincia”.