Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente anuncia que a residencia de Navia de Suarna abrirá no mes de outubro

O mandatario provincial asinou co Alcalde o convenio específico necesario para a posta en marcha deste Centro de Atención a Maiores da Deputación durante unha xornada de portas abertas na que numerosos veciños e veciñas coñeceron as novas instalacións

“Xa hai unha vintena de solicitudes para entrar a vivir no centro, o que demostra a necesidade real que existe deste servizo e a boa acollida do modelo asistencial que temos implantado nas residencias da Deputación”, subliñou José Tomé Roca

O Presidente incidiu en que o tipo de residencias da institución “está na liña do acordo ao que acaba de chegar o Goberno de España coas comunidades autónomas: pequenos centros públicos cunha maior radio de profesionais por usuario. É dicir, un modelo centrado nas persoas, e non no negocio”

O CAM de Navia de Suarna, o oitavo que poñerá en marcha a Deputación, contará con 30 prazas e xerará 25 postos de traballo directos, ademais dun retorno en termos económicos e de emprego para o municipio e a comarca da Montaña

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este xoves que o Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna comezará a funcionar no mes de outubro, “cumprido así co compromiso que tiñamos de abrir a residencia no ano 2022”. Fíxoo despois de asinar co Alcalde da localidade, José Fernández, o convenio específico necesario para a posta en marcha do centro, durante a celebración dunha xornada de portas abertas organizada pola institución provincial na que numerosos veciños e veciñas do municipio e da comarca da Montaña coñeceron unhas instalacións que contarán con 30 prazas e darán emprego a 25 persoas.

Na súa visita, o Presidente estivo acompañado polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e polos alcaldes da Fonsagrada, Carlos López; Ribeira de Piquín, Roberto Fernández; e Negueira de Muñiz, José Manuel Braña.

O convenio asinado esta mañá supón un investimento de máis de 3M€ ata o ano 2025, un documento que garante a prestación pública do servizo e establece a prioridade de acceso ás prazas para a veciñanza de Navia de Suarna, e logo para a dos municipios limítrofes e do resto da provincia. Un texto que recolle que a Deputación se compromete a efectuar o financiamento previsto, a actuar como órgano de contratación e a impulsar un equipo técnico especializado no ámbito dos servizos sociais. Pola súa banda, o Concello comprométese a colaborar coa institución provincial e a facer as achegas económicas previstas.

A Deputación cumpre
“Hoxe mesmo solicitamos o Permiso de Inicio de Actividade á Xunta de Galicia, e esperamos que dea unha resposta o antes posible”, avanzou o Presidente, quen puxo en valor o traballo da institución en colaboración co Concello “para chegar ata aquí: para poñer a punto esta residencia, para dotala de equipamento e para dar todos os pasos administrativos que son necesarios para poñela en servicio”. O Presidente subliñou que, “se vai todo sobre o previsto, cumpriremos co compromiso que tiñamos adquirido co Alcalde, co Concello e cos veciños e veciñas, de abrir a residencia neste ano 2022”.

José Tomé sinalou que “xa hai unha vintena de solicitudes para entrar a vivir no centro, o que demostra a necesidade real que existe deste servicio, e a boa acollida do modelo asistencial que temos implantado nas residencias da Deputación”. Destacou que este é un modelo “de residencias que son públicas, que poñen no centro ás persoas, que non buscan o beneficio económico, senón o benestar e a dignidade dos nosos maiores”. De feito, destacou, “este centro ten 30 prazas e contará con 25 traballadores, o que supón case un coidador por persoa”.

Un modelo que, en palabras do Presidente, favorece “o arraigo, porque os veciños e veciñas de Navia terán prioridade para acceder ás prazas e, polo tanto, poderanse quedar a vivir aquí recibindo os coidados que necesitan”. As residencias da Deputación, destacou, crean emprego, “25 postos de traballo directos, máis todos os empregos indirectos, e crean actividade económica, porque os produtos e servizos que necesite este centro serán de produtores e de negocios da zona. Así que, o funcionamento da residencia terá un retorno económico para Navia de Suarna e para a comarca da Montaña”.

O Centro de Atención a Maiores da Deputación en Navia de Suarna sitúase nunha parcela de 452 metros cadrados distribuídos en tres andares e un semi-soto con sala de caldeiras, almacén, lavandería, aseos, vestiarios, cociña e comedor. Na planta baixa está situado o vestíbulo, oficinas, aseos, ximnasio, consulta médica, enfermería, sala polivalente e sala de usos múltiples. Na primeira e na segunda planta están as habitacións.

Os veciños e veciñas puideron coñecer na xornada de portas abertas celebrada hoxe o interior do centro e as súas dotacións, os servizos que se ofertarán e as actividades que está previsto desenvolver en cada unha das dependencias. 

Un modelo asistencial de referencia 
O Presidente da Deputación tamén destacou que o modelo da institución provincial “está xa moi contrastado, está funcionando moi ben noutros 7 concellos e, ademais, está xerando un gran interese fóra de Galicia”. Desta forma, José Tomé lembrou que a Deputación de Lugo foi a única de toda España que participou na presentación celebrada na Moncloa do PERTE de Economía Social, e que o modelo asistencial da institución está na liña do acordo ao que acaba de chegar o Goberno de España coas comunidades autónomas: pequenos centros públicos cunha maior radio de profesionais por usuario. É dicir, un modelo centrado nas persoas, e non no negocio”.

A residencia de Navia de Suarna será a quinta que a Deputación abrirá no que vai de mandato e a oitava da rede provincial en funcionamento, xunto coas de Trabada, Pol, Ribadeo, Castroverde, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro e Meira.

O Presidente garantiu que continuará o intenso traballo que está desenvolvendo dende a institución para seguir cumprindo cos compromisos cos concellos en materia de residencias. “Os centros de atención ás persoas maiores son un servizo básico, que é fundamental para que a xente siga vivindo no rural, para que o noso rural siga vivo, e iso, para nós, é unha prioridade”, recalcou.