Deputación de Lugo
Economía
Formación

O Presidente participa nos actos do Colexio de Avogados de Lugo para dar a benvida aos novos letrados

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres nos actos que o Ilustre Colexio de Avogados de Lugo organizou para dar a benvida aos novos letrados e letradas. Unha cita, que tivo lugar no salón da sede colexial, e na que Tomé Roca foi testemuña da xura dos novos membros do Colexio e da imposición das togas. A directiva distinguiu tamén os méritos de diferentes profesionais da avogacía en Lugo coa entrega de medallas e da insignia de ouro en recoñecemento das súas traxectorias. O mandatario provincial felicitou ás novas incorporacións do colexio e trasladou os seus parabéns aos diferentes homenaxeados, salientando que “unha avogacía forte é fundamental para garantir a boa saúde do noso Estado social e democrático de Dereito, porque os avogados e as avogadas procuran a diario a aplicación efectiva dos dereitos”. Neste acto participaron tamén o Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fernando Suances, a Tenente de Alcaldesa do Concello de Lugo, Paula Alvarellos, e o Xeneral de Brigada da Garda Civil, Miguel Ángel González, entre outras autoridades.