A Deputación felicita aos novos graduados de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural

O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos participou no acto de graduación dunha nova promoción do estudantado deste grao, que se celebrou no Salón de Actos da Facultade de Humanidades de Lugo

O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias Fernández, participou este venres no acto de graduación dos alumnos e alumnas dunha nova promoción do Grao de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. Na cita, celebrada no Salón de Actos da Facultade de Humanidades, o Deputado felicitou aos graduados e ás súas familias e reivindicou o papel da Universidade pública. “Cada nova promoción que, coma esta, sae do noso Campus fortalece o ensino público superior como ferramenta para impulsar o desenvolvemento social e económico da nosa provincia e do noso país, dun xeito equilibrado e sostible”, subliñou.

Xosé María Arias destacou tamén a importancia desta titulación para que a sociedade tome conciencia do valor intrínseco do patrimonio cultural da provincia e da súa capacidade para crear unha oferta turística de calidade, non masificada e que deixa valor no territorio.