Deputación de Lugo
Economía
Turismo

O Presidente destaca o papel do audiovisual na economía na clausura do Fancine de Lemos

cine
José Tomé Roca fixo entrega do premio á mellor curtametraxe nacional, que recaeu na obra El semblante, de Carlos Moriana

“Fomentar as rodaxes de cine na provincia, como estamos a facer dende a Deputación de Lugo, supón crear actividade económica nos concellos, potenciar e difundir a súa imaxe no exterior e xerar un efecto chamada no turismo”, subliñou

A cita, coa que colabora a Deputación e que xa é un referente do cine fantástico e de terror na súa oitava edición, finalizou a noite do sábado na adega Algueira de Sober

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, destacou o papel do audiovisual lucense como motor económico para a provincia na clausura do festival Fancine de Lemos. A cita, que conta cunha achega da institución provincial de 5.000€, xa é un referente do cine fantástico e de terror na súa oitava edición. A adega Algueira, situada no concello de Sober, acolleu este sábado á noite o acto de peche do certame, que culminou coa entrega de premios ás curtametraxes máis valoradas polo xurado e o público.

O mandatario provincial fixo entrega do premio á mellor curtametraxe nacional, que recaeu na obra El semblante, de Carlos Moriana. Covid Love de René Nuijens foi a curta gañadora na categoría internacional e Canibalismo, de Diego Aballe, na categoría galega. Oro, de Manuel Valcárcel, levou tamén a distinción do Fancine á mellor curtametraxe escollida polo público. No evento participaron ademais Iván Patiño, director do festival, Beatriz Serén, actriz e condutora do acto, Gloria Prada, Tenente de Alcalde de Monforte de Lemos, e Luis Fernández Guitián, Alcalde de Sober, entre outras autoridades.

“Fomentar as rodaxes de cine na provincia, como estamos a facer dende a Deputación de Lugo, supón crear actividade económica nos concellos, potenciar e difundir a súa imaxe no exterior e xerar un efecto chamada no turismo”, destacou o Presidente.

Sinalou na súa intervención que “este é un festival que descubre, que impulsa e que pon en valor o talento e os novos creadores. Unha filosofía que concorda coas políticas que desenvolvemos dende a Deputación de Lugo, e que demostra que é posible traballar dende as nosas tradicións, dende as nosas paisaxes, para facer unha oferta propia e diferenciada no audiovisual. Mesmo en xéneros como o terror, onde se está creando unha produción importante”. Destacou ademais o valor turístico do festival na Ribeira Sacra, “porque promociona o noso territorio e porque contribúe a atraer visitantes, tanto do resto de Galicia, como de fóra.”

José Tomé valorou que un ano máis o Fancine de Lemos “foi un escaparate da cultura, do cine e dos videoxogos. Recuperamos o pracer de ver películas e curtas ao aire libre, de lembrar longametraxes que foron éxitos fai anos e de achegarnos ás novas producións”. Tamén felicitou a Iván Patiño porque, “co seu traballo, non só fai realidade este Festival, senón que o está consolidando como unha cita imprescindible no mapa audiovisual galego e nacional”.

Apoio ao sector audiovisual

Destacou o Presidente a colaboración que a Deputación de Lugo presta ao sector audiovisual e lembrou que “nos últimos dez anos, dende a institución provincial colaboramos cunha trintena de películas, de series, de documentais e de curtas. Creacións, algunhas delas, que foron rodadas aquí na Ribeira Sacra, e que se están proxectando nas pantallas de toda España, como Life is Live, do director monfortino Dani de la Torre”.


A maiores, Tomé Roca apuntou que a Deputación ten en funcionamento o Centro de Formación Audiovisual, “a única escola pública da provincia de Lugo que ofrece este tipo de ensinanzas, na que, ademais, a matrícula é totalmente gratuíta”. A institución, recalcou o Presidente, ofrece este apoio porque “o audiovisual é crear industria, é crear emprego, sobre todo entre a xente nova, é fomentar a cultura, é fomentar a nosa lingua e tamén é impulsar o turismo”.