Deputación de Lugo
Formación

Rivera Capón pon en valor a innovación e a investigación ao servizo do sector primario nun ciclo de robótica

USC
O Deputado de Promoción Económica e Social participou na inauguración dun encontro sobre a introdución das novas tecnoloxías na agricultura e a gandería organizado polo Campus Terra co apoio da institución provincial

“Dentro da ampla colaboración da Deputación de Lugo co Campus Terra, a Granxa Experimental de Leite de titularidade provincial é un exemplo da robótica gandeira que abordan estas xornadas”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na inauguración do ciclo de conferencias Robótica agrícola e gandeira que se celebrou este luns no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra. A iniciativa, que continuará ata mañá, está organizada polo Campus e conta coa colaboración da institución provincial. 

Rivera Capón puxo en valor a formación, a innovación e a investigación universitaria ao servizo do sector primario como factores esenciais “para potenciar o desenvolvemento do noso rural”. Neste sentido, incidiu en que o apoio á actividade agrogandeira “é precisamente unha das liñas de actuación fundamentais da Deputación de Lugo”. “Colaboramos coa Universidade e co propio sector produtivo para impulsar accións, coma esta, que, a través da transferencia de coñecemento, axuden a mellorar a competitividade, a produtividade, a diversificación e a creación de valor engadido do sector agroalimentario da provincia”, subliñou o Deputado.

Un dos proxectos destacados dentro da colaboración da institución provincial coa Universidade é a Granxa Experimental de Leite, explicou Pablo Rivera, “na que temos un exemplo da robótica gandeira que abordan estas xornadas”.

Así mesmo, lembrou que a Xunta de Goberno aprobou o pasado venres a adhesión da Deputación de Lugo ao proxecto Smart Agro: Territorios rurais, agroalimentarios e intelixentes, unha iniciativa da que forman parte outras 8 deputacións e máis de 30 empresas de toda España co obxectivo de concorrer conxuntamente a fondos europeos co fin de potenciar o sector primario a través da dixitalización e a innovación”. A Deputación de Lugo, destacou, convértese deste xeito “na entidade de referencia no Norte de España” deste grupo de traballo, pois o resto de institucións presentes son do sur e do centro do país: Córdoba, Cáceres, Badaxoz, Cidade Real, Xaén, Salamanca, Soria e Teruel.

“Apostar polo sector primario é apostar polo futuro da provincia de Lugo. Un futuro que pasa pola formación, pola investigación e pola modernización constante. Un futuro que pasa por iniciativas coma esta”, recalcou Pablo Rivera.

No acto tamén participaron a delegada do Reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, e a directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Rosa Romero Franco.

O ciclo de conferencias Robótica agrícola e gandeira busca dar a coñecer as novas tecnoloxías na agricultura e a gandería. Os expertos tratarán durante as dúas xornadas o estado da robotización agrícola e gandeira en España e as tendencias para os próximos anos. Tamén se abordará a imaxe que esta robotización da actividade agrícola está a ter na sociedade.