Deputación de Lugo
Emprego

A Deputación ofrece ás emprendedoras da Montaña formación e asesoramento gratuítos co programa Feminino rural. Evolución

a fonsagrada
O Deputado de Recursos Sostibles destacou que esta iniciativa, que financia a institución e desenvolve a Asociación de Empresarias de Lugo (AELU), pretende fortalecer o tecido empresarial da provincia

Roberto Fernández Rico: “A creación de emprego, sobre todo xuvenil e feminino, é un factor imprescindible para que haxa actividade económica e para fixar poboación”

A Casa do Concello da Fonsagrada acolleu este luns o terceiro encontro comarcal dos 7 que percorrerán a provincia durante o mes de xullo

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este luns na Fonsagrada no terceiro encontro comarcal do programa Feminino rural. Evolución, que ofrece de maneira totalmente gratuíta formación e asesoramento personalizados a mulleres empresarias e emprendedoras do rural da provincia para mellorar ou lanzar os seus negocios. Unha iniciativa financiada integramente pola institución provincial cunha achega de 40.000€ e que desenvolve a Asociación de Empresarias de Lugo (AELU). O acto, que tivo lugar esta mañá na Casa do Concello fonsagradino, contou coa presenza do Alcalde, Carlos López, e a técnica do proxecto Úrsula Pérez.

Roberto Fernández Rico animou ás asistentes a participar nesta iniciativa que porá a súa disposición de xeito gratuíto “ferramentas para mellorar os negocios en marcha e o apoio necesario para lanzalo con garantías”. E apuntou que “desde a Deputación de Lugo temos claro que a creación de emprego, sobre todo emprego xuvenil e feminino, é un factor imprescindible para que haxa actividade económica e para fixar poboación no territorio”.

Este tipo de encontros, como o celebrado hoxe na Fonsagrada e que xa tiveron lugar na Mariña e en Lugo, continuarán durante o mes de xullo no resto das comarcas da provincia para facilitar a participación das interesadas.

En cada comarca habilitaranse 25 prazas co obxectivo de crear sinerxías entre os establecementos de cada zona, fomentando o intercambio de coñecementos e de experiencias entre empresarias e emprendedoras. Despois, haberá unha segunda fase onde participe unha selección de 5 empresarias e emprendedoras por comarca que sairán das reunións de traballo. En total, 35 persoas recibirán unha formación e un asesoramento personalizados, que irán dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para constituír e arrancar a empresa no caso das emprendedoras participantes.

Os vindeiros encontros comarcais de Feminino rural. Evolución  serán: o xoves, 14 de xullo, na Casa da Cultura de Vilalba; o venres, 15 de xullo, no Ecomuseo Pazo de Arxeriz do Saviñao; o mércores 20 de xullo, na Casa do Concello de Láncara; e o venres 22 de xullo, no Pazo de Vilane de Antas de Ulla.