Axenda Institucional
Deputación de Lugo

O Presidente recibe ao Cónsul de Panamá en Galicia e pon en valor os lazos da provincia cos países iberoamericanos

Panamá
José Tomé Roca mantivo un encontro na Deputación de Lugo co representante panameño na comunidade autónoma, Aarón Medina, que asinou no Libro de Ouro da institución

“Compartimos idioma, proxectos económicos e culturais, pero tamén o interese común por manter as rutas oceánicas como grandes protagonistas dos intercambios humanos e de mercadorías no futuro, como o foron ao longo da historia”, subliñou o mandatario provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, ofreceu este martes no Pazo de San Marcos unha recepción institucional ao Cónsul Xeral de Panamá en Galicia, Aarón Medina, un encontro no que puxo en valor os lazos, a cordialidade e a proximidade que a provincia sente cara o conxunto dos países iberoamericanos. “Compartimos idioma, proxectos económicos e culturais, pero tamén o interese común por manter as rutas oceánicas como grandes protagonistas dos intercambios humanos e de mercadorías no pasado, como o foron ao longo da historia”, asegurou o Presidente.

“Nun momento de incerteza, con conflitos que afectan a moitas das rutas de subministro mundial, estou seguro de que Galicia e Panamá compartimos unha mesma aposta a favor da paz, e de traballar para facilitar e manter os intercambios comerciais como vía de desenvolvemento para as nosas sociedades”, subliñou o mandatario provincial, quen explicou que a provincia de Lugo “quere ser un punto importante na distribución por ferrocarril e estrada cara Europa das mercadorías que chegan polas rutas do Atlántico, e Panamá segue sendo o punto de paso clave das rutas cara o Pacífico, cara eses mercados asiáticos que cobran cada vez máis importancia no mapa da xeopolítica internacional”.

José Tomé quixo ter un recordo para os emigrantes galegos que “chegaron a Panamá para a construción do seu canal. Emigrantes que recibiron o recoñecemento do país pola súa capacidade de traballo. É un orgullo saber que algún dos nosos antepasados deixaron a súa pegada nun proxecto que contribuíu, non só ao desenvolvemento do país que os acolleu, senón a cambiar, literalmente, a historia do transporte e da navegación”. 

A día de hoxe, preto de 2.000 galegos e galegas permanecen neste país centroamericano, unha comunidade “que axuda con entusiasmo a manter vivos os lazos entre os nosos países”. “Estou seguro de que a historia que compartimos e o futuro de prosperidade que ambos desexamos son as mellores bazas para seguir apuntalando as excelentes relacións humanas e empresariais que manteñen Galicia e Panamá”, afirmou o mandatario provincial.

Durante a visita, o Presidente da Deputación entregou ao Cónsul Xeral de Panamá en Galicia un exemplar do libro Proxectos para o Hospital de Isabel II, o Instituto de 2ª Ensinanza e a Deputación Provincial de Lugo, en recordo pola súa primeira visita ao edificio provincial. O representante panameño tamén asinou no Libro de Ouro da institución.