Deputación de Lugo
Emprego
Formación

Láncara acolle o sexto encontro do programa Feminino rural. Evolución impulsado pola Deputación

Muller rural
O Deputado de Promoción Económica e Social destacou que este proxecto, financiado integramente pola institución cunha achega de 40.000€, ofrece formación, acompañamento e asesoramento gratuítos a empresarias e emprendedoras a través da Asociación de Empresarias de Lugo (AELU)

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presentou este mércores  na Casa do Concello de Láncara o programa Feminino rural. Evolución, financiado integramente pola institución provincial cunha achega de 40.000€. A Asociación de Empresarias de Lugo (AELU) leva a cabo esta iniciativa que ofrece de balde formación, acompañamento e asesoramento personalizado a mulleres empresarias e emprendedoras do rural da provincia para mellorar ou lanzar os seus negocios. 

“A Deputación aposta pola creación de emprego, especialmente aquel que afecta aos mozos e mozas da provincia e ás mulleres, como un factor imprescindible para dinamizar a actividade económica e contribuir a fixar poboación no territorio”, sinalou Rivera Capón.

No evento tamén participaron o Alcalde lancarés, Darío Piñeiro López, e a técnica do proxecto, Úrsula Pérez. Esta primeira fase de presentación, que xa se levou a cabo na Mariña, na Terra Chá, na Montaña, na comarca de Lugo e na Ribeira Sacra, rematará mañá venres na comarca da Ulloa, un acto que se levará a cabo no Pazo de Vilane.

“Espero que as mulleres que participen poidan sacarlle o máximo partido a esta iniciativa. Dende logo, ese é o obxectivo co que a impulsamos dende a Deputación de Lugo, porque iso beneficiará ás propias emprendedoras, os seus negocios e proxectos, e, ó mesmo, tempo, será positivo para o emprego e para a economía”, asegurou o Deputado.

Xa rematada esta primeira toma de contacto entre ambas partes, cada comarca contará con 25 prazas co obxectivo de crear sinerxías entre os establecementos de cada zona, fomentando o intercambio de coñecementos e de experiencias entre empresarias e emprendedoras. Despois, haberá unha segunda fase onde participe unha selección de cinco empresarias e emprendedoras por comarca que sairán das reunións de traballo. 35 persoas recibirán, en total unha formación e un asesoramento personalizados, que irán dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para constituír e arrancar a empresa no caso das emprendedoras participantes.