Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Medio milleiro de inscricións na Ancares Marathon Cycling, que se celebrará o 7 de agosto co apoio da Vicepresidencia

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Deportes
ANCARES CYCLING MARATHON
PEDRAFITA DO CEBREIRO
Ciclismo
MIGUEL INDURÁIN
Miguel Induráin encabeza a carreira, que conta con inscritos de diferentes países europeos

Máis de 500 persoas inscríbíronse para participar na segunda edición da Ancares Cycling Marathon, que se celebrará o domingo 7 de agosto nas estradas da comarca co apoio da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e que abrirá, co dorsal número 1, o exciclista Miguel Induráin.

Ademais da presenza de ciclistas de toda Galiza, e doutros puntos do Estado – Castilla y León, Asturias, Madrid, Cataluña, Euskadi, Navarra, Aragón e Canarias-, medra tamén a participación internacional con inscricións de Suíza, Reino Unido, Irlanda ou Portugal.

A posibilidade de rodar a carón de deportistas como Miguel Induráin, cinco veces campión do Tour de Francia, ou o triatleta Iván Raña, campión do mundo de triatlón, é un dos grandes reclamos da proba, que se presenta como unha plataforma de proxección da comarca dos Ancares como destino para o turismo deportivo.

O deputado de Deportes Efrén Castro valorou “esta segunda edición como a  consolidación desta proba, pola que apostamos coa vontade de poñer en valor as excepcionais condicións da comarca para o ciclismo;  de cara á organización de eventos deste tipo, cunha proxección mediática importante, pero tamén de cara a reforzar Ancares como destino de rutas e quedadas de afeccionados e afeccionadas durante todo o ano”.

A proba, organizada polo Club Cliclista Cidade de Lugo co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, terá a saída e a meta en Pedrafita do Cebreiro e pasará tamén polos concellos de Becerreá, As Nogais, Cervantes e Navia de Suarna.

A proba ofrece tres itinerarios, con distintas distancias e  niveis de dificultade para facilitar a participación de persoas afeccionadas ao ciclismo de todas as idades e condicións físicas.

- Gran Fondo, con 126 km e 3.500 m de desnivel positivo. Paso polos altos de Sete Carballos, A Pintinidoira, Vilasol e chegada no alto do Cebreiro.
- Medio Fondo, 93,8 km e 2.913m de desnivel positivo. Paso polos altos de A Pintinidoira, Vilasol e chegada no alto do Cebreiro.
- Mini Fondo, de 45 km e 1.200 metros de desnivel positivo. Paso polo alto de Vilasol e chegada no alto do Cebreiro.