Deputación de Lugo
Turismo

Agrocuir reivindica o rural e a diversidade co apoio da Deputación de Lugo

AGROCUIR DA ULLOA
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo presentou esta cita, que se celebra en Monterroso esta fin de semana co apoio da institución provincial, que financia o concerto de Xosé Lois Romero & Aliboria

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este luns no Pazo de San Marcos unha nova edición do Festival Agrocuir, que se celebra esta fin de semana, do 27 ao 28, no concello de Monterroso. A Deputación de Lugo volve apostar por esta cita que reivindica a diversidade sexual e de xénero no rural a través dun evento musical, artístico e cultural.

No acto de presentación, a Deputada estivo acompañada polo Presidente da Asociación Agrocuir da Ulloa, Adrián Gallero Moreiras, ademais de outros membros da entidade.

“A sétima edición de Agrocuir mantén a mesma filosofía que en anos anteriores: construír espazos que acollan cada vez a máis persoas”, sinalou García Porto e destacou que contribúe a difundir e a poñer en valor a riqueza patrimonial da provincia e, ao mesmo tempo, dinamiza a vida social e a economía no rural.

A Deputación de Lugo colabora con esta cita financiando o concerto de Xosé Lois Romero & Aliboria, que terá lugar a noite do sábado na rúa Benigno Vázquez, de Monterroso. A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo explicou que citas coma esta “poñen en evidencia o que defendemos dende a Deputación. O noso rural está cheo de xente con ideas e con propostas innovadoras. O que necesita son políticas públicas para axudar a que saian adiante”. 

Rematou convidando a Monterroso á veciñanza para “que se deixen sorprender polas numerosas actividades que se levarán a cabo no Festival Agrocuir” e felicitou á organización por conseguir que a comarca da Ulloa “se converta durante dous días nun referente de igualdade e de loita polo noso rural”. 

Programa

O evento desenvolverase en distintos espazos do concello de Monterroso. Pódese consultar toda a información na páxina web do festival: https://festivalagrocuir.wordpress.com


Venres, 27 de agosto
12:00 horas: Agrocuir en letras
17:00 horas: CUIRathlon Labrego
17:00 horas: Palestra: As cinzas que cabem no verde: uma conversa cuir à volta do “natural”
17:00 horas: Obradoiro de estampación
20:00 horas: Catuxa Salom
21:45 horas: Performance Nelu Vermouth
22:15 horas: Benvida e manifesto
22:45 horas: O Rabelo
00:30 horas: Fado Bicha
02:00 horas: Mua Dj Setembro

Sábado, 28 de agosto
12:00 horas: Obradoiro de regueifa
12:00 horas: Obradoiro de baile tradicional
12:00 horas: Obradoiro infantil de mitoloxía e caracterización cuir
12:00 horas: Obradoiro de ioga
12:00 horas: Dianhes, Donas e Busgosos – uma exploraçom de desidentidades galaicas com jogos
13:30 horas: Sesión vermú con Cantareiros Cantigas e Frores
16:00 horas: Espectáculo: Meiga-i, grag pandereteira
17:30 horas: Teatro: Ningún hombre me llevará a la cumbre
17:30 horas: Espazo lúdico para cativada e xuventude
19:00 horas: CRNDS + Fransy González
20:30 horas: Cantos de Taberna
23:30 horas: Concerto de Xosé Lois Romero & Aliboria
01:30 horas: Sesión golfa. Yiria Imaná, Russ e Teresa Ferreiro, Neto do Rubio