Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia patrocina a 44 edición do Rally San Froilán, cunha participación récord nas probas disputadas este ano en Galiza

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Deportes
EFRÉN CASTRO
Rally San Froilán
volante Deputación
Efrén Castro destacou “o impacto deportivo e económico” da carreira, que se disputará o 14 de outubro

Os pilotos correrán cinco treitos cronometrados en estradas de Outeiro de Rei, Mosteiro, O Corgo, Guntín e Sarria e O Páramo

O viveirense Anxel Vizoso debutará no Rally San Froilán como gañador do Volante Deputación

Este venres presentouse na Praza de San Marcos o Rally San Froilán, que prepara a 44 edición cunha cifra de inscritos récord, 134 equipos anotados, o que supón a maior participación nunha proba automobilística en Galiza no que vai de ano.

A alta participación é un dos aspectos destacados do rally que contará con cinco treitos cronometrados en Outeiro de Rei, Pol, O Corgo, Guntín e entre O Páramo e Goián (Sarria), que se disputarán o sábado 15 de outubro.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo é un ano máis a principal patrocinadora da proba, cunha achega de 30.000 euros. Ademais de recibir os mellores pilotos de Galiza, buscando os puntos decisivos para o Campionato Galego de Rally,  tamén reunirá equipos da provincia que preparan  dun xeito máis modesto a súa participación no rally máis emblemático do calendario galego.

Durante o acto, o deputado de Deportes Efrén Castro agradeceu o traballo da organización, a Escudería Miño, e sinalou que “desde a Vicepresidencia da Deputación estamos moi orgullosos de ser o principal patrocinador dunha proba e facilitar así a celebración dunha proba cun gran impacto deportivo e económico na comarca de Lugo”.

O responsábel provincial encadrou o patrocinio da proba “na implicación da Vicepresidencia da Deputación coa promoción do automobilismo cunha liña de axudas específicas para pilotos de rally e co programa Volante Deputación que cada ano dá oportunidade de particpar na proba a un piloto novel”, nesta edición o piloto viveirense Ánxel Vizoso, que correrá no equipo de competición PTC Escuela nun Toyota.

No acto, que se celebrou coa presenza en San Marcos dalgúns dos coches que competirán no rally, tamén estiveron presentes representantes de todos os concellos polos que pasa a carreira e do Concello de Lugo, así como da Xunta de Galicia e da Federación Galega de Automobilismo.

Programa

A ceremonia de saída do Rallly San Froilán celebrarase na Praza Maior de Lugo o venres 14 a partir das 19.30, coa chegada dos coches ao fondo da Praza desde o aparcadoiro do Auditorio Gustavo Freire, para saíren cara ao parque de traballo situado no poligono de Outeiro de Rei.

O sábado disputarase a carreira, con cinco treitos a dobre pasada, polas estradas dos concellos de Outeiro de Rei, O Corgo, Mosteiro, Guntin, O Páramo e Sarria, onde se situará o parque de reagrupamento para as últimas pasadas (Rúa Calvo Sotelo).