Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A colaboración da Deputación permite a ADACE contratar a un neuropsicólogo para atender aos usuarios do colectivo e as súas familias

adace
O Deputado de Promoción Económica e Social participou este mércores na lectura do manifesto do Día Mundial do Dano Cerebral Adquirido na Praza Maior de Lugo e tamén na inauguración dunha mostra fotográfica na sede da asociación

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores nos actos organizados pola Asociación de dano cerebral sobrevido/adquirido de Lugo (ADACE) no Día Mundial do Dano Cerebral Adquirido. Pola mañá asistiu á lectura do manifesto que acolleu a Praza Maior de Lugo e pola tarde, ao acto de inauguración dunha mostra fotográfica na sede do colectivo. 

A Deputación colabora con esta asociación cunha achega de 12.000€ que renova cada ano. Esta axuda permítelle ao colectivo contratar a un neuropsicólogo que desenvolve diferentes terapias no centro de día e no servizo de atención ambulatoria da asociación, tanto para os afectados e afectadas de dano cerebral, como para os seus familiares. Os usuarios e usuarias reciben terapia individual dirixida á creación de estratexias para afrontar o día a día; e terapias de grupo nas que os participantes realizan traballos de desenvolvemento cognitivo a través de diferentes actividades.

En canto á terapia que reciben os familiares, son tanto individuais, como grupais e psicoeducativas, e tratan de mellorar a calidade de vida do contexto familiar, buscando a maior funcionalidade da familia. Tamén se lles proporciona orientación e apoio, fomentando a formación dos familiares e usuarios para un maior coñecemento do dano cerebral. 

ADACE Lugo creárono no ano 2006 un grupo de familias coa intención de dar resposta ás persoas afectadas de dano cerebral. A asociación conta cun Centro de Atención Diúrna Terapéutica onde prestan rehabilitación específica para a rehabilitación dos usuarios e usuarias en diferentes áreas: terapia ocupacional, logopedia, fisioterapia e psicoloxía. Ademais, atende ás familias prestándolles información, orientación, recursos e apoio social.