Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente da Deputación inaugura este xoves xunto á Vicepresidenta Terceira do Goberno o Fórum Lugo 2022

Forum Lugo 2022
Como gañadora da Copa de España Creativa na pasada edición por un proxecto de recuperación de soutos nos Ancares, a institución é anfitrioa do evento, que se celebrará ata o sábado baixo a temática Turismo, Creatividade e Innovación para o Desenvolvemento Sostible e do que sairá o gañador do certame deste ano

O encontro reúne aos representantes das 18 candidaturas finalistas de todo o país. Desenvolverase o xoves en Lugo, o venres na Ribeira Sacra e o sábado na Mariña, cun programa que inclúe presentacións dos proxectos que concorren ao galardón, foros con expertos de primeiro nivel e visitas a recursos patrimoniais da provincia

O proxecto gañador darase a coñecer nunha gala o sábado no MIHL, onde terá peso o xurado experto presidido pola deportista Teresa Perales e o voto popular, que se atopa aberto de maneira online

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurará este xoves no Pazo de San Marcos xunto á Vicepresidenta Terceira do Goberno e Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera Rodríguez, o Fórum Lugo 2022. No acto, previsto para as 11.00h no Salón de Actos, participará a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga, e a presidenta da organización España Creativa. 

Como gañadora da Copa de España Creativa na pasada edición por un proxecto de recuperación e posta en valor de soutos nos Ancares, a Deputación é anfitrioa deste evento -o VIII Foro das Cidades e Territorios Creativos de España-, que se celebrará ata o sábado baixo a temática Turismo, Creatividade e Innovación para o Desenvolvemento Sostible e do que sairá o gañador do certame deste ano 2022.

A Copa de España Creativa recoñece as iniciativas máis creativas e innovadoras para o desenvolvemento sostible do territorio e está aberto á participación de autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de todo o país.

O encontro que acolle a provincia reúne aos representantes das 18 candidaturas finalistas. Desenvolverase o xoves na cidade lucense, o venres na Ribeira Sacra e o sábado na Mariña, cun programa que inclúe presentacións dos proxectos que concorren ao galardón, foros con expertos de primeiro nivel a nivel galego e nacional e visitas a recursos patrimoniais da provincia.

O proxecto gañador darase a coñecer nunha gala o sábado no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), onde terá peso o xurado experto presidido pola deportista Teresa Perales e o voto popular, que se atopa aberto de maneira online.

Os 18 proxectos finalistas

Dende o xoves e ata o sábado presentaranse os 18 proxectos finalistas da Copa España Creativa 2022. Os proxectos finalistas clasifícanse en catro categorías, segundo o número de habitantes dos territorios participantes e segundo a súa natureza como institución ou entidade. Son os seguintes:

- Modalidade A (concellos de máis de 50.000 habitantes): Zaragoza, co proxecto Volveremos, cómo "hacer ciudad" a través del comercio local; Oviedo, con Ciclo Interdisciplinar de Música de Cámara de Oviedo; Rubí con Color; Talavera de la Reina, con Centro Isla de la Cerámica de Talavera; e Ferrol, co Proxecto Gastronómico-Dieta Ártabra

- Modalidade B (concellos de menos de 50.000 habitantes): Lerma, con Proyecto ReARTIS Lerma–Arlanza Patrimonio Vivo; Mondoñedo, con Mondoñedo Museo Abierto; Ayuntamiento de Gavà, Temps d’Espàrrecs; y Villarcayo de Merindad de Castilla La Vieja, con Participación ciudadana y gobierno abierto en un pequeño municipio.

- Modalidade C (territorios): Junta de Extremadura, con Extremadura, Buenas Noches; Comarca Cinco Villas, con A la fresca y al abrigo en Cinco Villas; Red de Centros Históricos de Castilla y León Libroblanco, con Buenas prácticas en la gestión del patrimonio de los Conjuntos Históricos de Castilla y León; e o Cabildo de Gran Canaria, con Sin CO2.

- Modalidade D (empresas, universidades, ONGs, persoas físicas): Empresa Unexuam Real Estate, con Campus for Living Cities; El Corte Inglés, con #L de Lírica; Andrés Carlos López (Jumilla-Murcia), con MINECRAFTEARTE. Creatividad y Patrimonio para Educar el Talento; CEIP Atalaya de Cartagena, con I Ruta infantil de tapas/Come sano con lo que tengas a mano; Giant Interactive Maps (Málaga), con Mapa Gigante Interactivo de la provincia de Málaga.

Un xurado presidido por Teresa Perales

O xurado experto estará presidido pola deportista Premio Príncipe de Asturias 2021, Teresa Perales. Tamén formarán parte a presidenta de España Creativa, Belén Elisa García; o director xeral de SEPES, Fidel Vázquez; a directora do Museo Nacional de Arte Romano, Trinidad Nogales; o presidente da Sección de Cine do Ateneo de Madrid, Miguel Losada; a catedrática de Arquitectura pola Universidade de Alcalá, Rosa Cervera; o membro do Consello de Administración do Club Baloncesto Estudiantes Enrique Carrero; o director de Ciudades Sostenibles de la Fundación Finnova, Íñigo Bilbao; e o exdirector da Fundación Banco Santander, Javier Aguado. 


Así mesmo, está en marcha o voto popular, que conta o 40% do total das valoracións. Deste xeito, a cidadanía pode coñecer as candidaturas e elixir cal é a súa favorita para alzarse con este título: https://www.onlineencuesta.com/s/Copa_Espana_Creativa_Lugo_2022 

O programa

O xoves arrancará o programa coa apertura ás 11.00 horas no Salón de Actos da Deputación. Pola tarde farase a primeira presentación dos proxectos finalistas e tamén se celebrará o foro de debate Turismo, Natureza e Transición Ecolóxica, no que participará Antonio Rigueiro, Catedrático de Produción Vexetal da USC; Rosa Cervera, Catedrática de Arquitectura da Universidade de Alcalá; Luis Reija, xefe de servizo de Medio Ambiente da Deputación de Lugo; e Pablo Yáñez, do proxecto Cabanas das Chousas, distinguido co premio á excelencia turística do Consello Provincial de Turismo neste ano 2022.

O venres o foro desprazarase á Ribeira Sacra. No Parador Nacional de Turismo de Monforte está previsto que ás 10:00 horas comece a mesa redonda Reinventando as experiencias turísticas no mundo rural: patrimonio inmaterial e innovación artística, coa participación de Diego As, artista urbano; Olga Novo, Premio Nacional de Poesía 2020, e Manuel Valcárcel, fotógrafo e director de cine. Unha vez remate, farase a presentación doutros 6 proxectos finalistas. A partir das 18:30 horas, o Museo do Viño de Monforte acollerá o foro Experiencias turismo de España: internacionalización da cultura española e patrimonio mundial, coa participación de Carolina Pereira, secretaria executiva do Ministerio de las Culturas, Artes y Patrimonio do Goberno de Chile; Uxío Novo, da Fundación Uxío Novoneyra, e Elías Gundivós, de Artesanía Gundivós, entre outros participantes. 

A Mariña será a protagonista o sábado pola mañá. Ás 10:00 horas arrancará a última xornada de presentación de proxectos de finalistas no Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA), en Foz. A continuación, na Sala Multiusos de Viveiro, a partir das 12.30 horas, empezará o foro Transición dixital para a dinamización turística, a inclusión social e a integración da economía local, onde participará Teresa Perales, paralímpica Premio Príncipe de Asturias 202, e Suso López, da produtora Gaita Filmes, entre outras persoas participantes.

De xeito paralelo, os participantes gozarán de visitas a recursos patrimoniais da provincia. Ademais, recuperarase o carácter internacional do certame ao contar cunha Delegación do Goberno de Chile con representantes das rexións de Los Ríos, Arica, Valparaíso, Región Metropolitana de Santiago de Chile, Concepción, O’Higgins, Chillán, Valdivia e Frutillar. 

A Copa de España Creativa 2022 entregarase o sábado nunha gala que acollerá o MIHL a partir das 20:30 horas.

Inscricións

As persoas interesadas en participar como público no evento, de acceso gratuíto, deberán anotarase no seguinte enlace: https://www.espanacreativa.es/inscripciones-puacuteblico.html A xornada inaugural retransmitirase por streaming grazas ao Servizo Audiovisual da Deputación de Lugo neste enlace: https://youtu.be/1rBxF_Jrk2w.

Rede de Cidades e Territorios Creativos de España

A Deputación de Lugo forma parte da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España como socia fundadora. Esta entidade foi constituída en 2016 en Monforte de Lemos, e entre os seus obxectivos está a mellora na xestión da diversidade cultural de España e a cohesión social, potenciar a innovación como modelo do desenvolvemento e o turismo cultural e creativo, impulsar todos os sectores da economía a partir do valor engadido da cultural e favorecer o diálogo entre territorios.