Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación colabora coa Semana Santa de Lugo, que “potencia a cidade como destino turístico”

Semana Santa
O Deputado de Promoción Económica e Social participou na Catedral na presentación do programa e o cartel da festividade, recoñecida como Festa de Interese Turístico Galego

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores na Catedral de Lugo na presentación do programa e o cartel da Semana Santa de Lugo deste ano 2023, coa que colabora a Deputación de Lugo. A Xunta de Confrarías recibe 12.000€ da institución provincial para a celebración, que está recoñecida como Festa de Interese Turístico Galego.

“A Semana Santa de Lugo forma parte do rico patrimonio cultural da nosa provincia. Pasos, esculturas, procesións e tradicións deixan constancia do carácter diferenciado que esta festividade universal alcanza na cidade”, explicou o Deputado, quen definiu esta cita como “unha celebración viva, que incorpora ano a ano un interese novo sen perder a súa esencia relixiosa”.

No acto tamén participaron a Concelleira de Economía e Recursos Humanos de Lugo, Paula Alvarellos; os representantes da Xunta de Confrarías, Isabel Lagares e Ramón Basanta; o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, e o bicario do bispado de Lugo, Mario Vázquez Carballo.

Pablo Rivera destacou que, dentro do apoio da Deputación “ás iniciativas que crean sinerxías entre o turismo, a hostalería e o comercio local, a Semana Snata ocupa un posto destacado”, pois é “unha das celebracións de maior sona e que coloca a Lugo nun lugar destacado no mapa de destinos turísticos, non só atraendo visitantes do resto de Galicia, senón consolidando a nosa imaxe dentro das rutas de turismo nacional e internacional”.

Este ano, a Semana Santa de Lugo recuperará a totalidade das procesións. Os actos comezarán este sábado, 25 de marzo, cun concerto da Banda Filharmónica de Lugo na Catedral de Santa María, e o día 29 celebrarase o pregón a cargo do Xeral Xefe da Garda Civil de Galicia, Miguel Ángel González Arias. Como novidade, destaca a participación da Banda Filharmónica de Lugo na procesión do Santo Enterro, o venres Santo.