Axenda Institucional
Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación asistirá á toma de posesión de Gómez Besteiro como Delegado do Goberno en Galicia

presidente
José Ramón Gómez Besteiro
delegación do goberno
José Tomé Roca acompañará ao expresidente da institución provincial lucense nun acto que se celebrará o luns no Palexco coa presenza de ministros e outras autoridades galegas e estatais

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistirá o vindeiro luns, día 3 de abril, na Coruña, á toma de posesión de José Ramón Gómez Besteiro como Delegado do Goberno en Galicia, un acto que se celebrará a partir das 13.00 horas no Pazo de Exposicións e Congresos da cidade herculina coa presenza do Ministro de Sanidade e anterior responsable da Delegación, José Miñones, e a Ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, entre outros representantes institucionais galegos e estatais.

José Tomé Roca, tamén Alcalde de Monforte e Secretario Xeral dos socialistas na provincia, acompañará este día a quen fora Presidente da Deputación de Lugo “durante unha etapa na que liderou a modernización da institución, abríndoa á cidadanía e poñéndoa a disposición do desenvolvemento da provincia”.

O mandatario provincial desexoulle “sorte e éxitos” na súa nova responsabilidade como Delegado do Goberno, despois “dos sete anos de calvario que lle fixeron pasar”, e mostrouse convencido de que fará “un excelente labor en defensa de todos os galegos e galegas” pola “súa gran capacidade e valía”. 

José Ramón Gómez Besteiro tomará posesión do cargo este luns tras ser designado o pasado martes polo Consello de Ministros como Delegado do Goberno en Galicia, tomando o relevo de José Miñones, que asumiu a carteira do Ministerio de Sanidade.