Deputación de Lugo
Economía
Emprego
Turismo

A Deputación apoia a campaña Hostalería #PorElClima, un proxecto contra o cambio climático

APEHL
hostelería
O Deputado de Promoción Económica e Social participou na presentación desta iniciativa, que ten como reto impulsar ao sector como exemplo de compromiso e axudar a reducir o impacto ambiental

Rivera Capón destacou a importancia de traballar e implicarse para a posta en marcha de hábitos, prácticas e ferramentas que axuden a combater o cambio climático e coidar os recursos naturais

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na presentación da acción Hostalería #PorElClima, unha iniciativa que se puxo en marcha en 2017 e que a Asociación Provincial de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) presentou este venres no Hotel Méndez Núñez, en Lugo. O proxecto, impulsado por  ECODES Comunidad #PorElClima e coa colaboración de Coca-Cola e Hostelería de España busca mobilizar e contribuír á transformación para adaptar ao sector aos cambios ambientais. 

Rivera Capón explicou que a institución provincial ten “unha ampla estratexia de actuación na que combina o coidado e a posta en valor do medio ambiente co impulso de políticas que aproveiten estes inmensos recursos naturais, con accións vinculadas co sector primario, co turismo ou coa cultura”.

Así mesmo, destacou a importancia de implicar ao conxunto da sociedade para aplicar hábitos, prácticas e ferramentas que axuden a combater o cambio climático e coidar os recursos naturais. “Un centenar de establecementos lucenses xa se sumaron a este proxecto que permite reducir a pegada de carbono e mellorar a nosa calidade de vida.  Esperemos que dende hoxe sexan moitos máis”, afirmou o Deputado.

No acto tamén participaron o director de Acción Climática da Fundación ECODES, Pablo Barrenechea; o presidente da APEHL, Cheché Real; e os concelleiros lucenses de Dinamización e Cohesión Social, Ana González Abelleira, e Cultura e Turismo, Maite Ferreiro, entre outras autoridades.

Hostalería #PorElClima establece tres retos nos que traballarán as empresas adheridas. Buscan dar visibilidade ás accións climáticas de cada establecemento, impulsar a hostalería como exemplo dun sector comprometido e axudar a reducir o impacto ambiental das empresas con consellos e ferramentas.